Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
EN CANGAS

Bernardino Graña ingresa na RAG

O discurso de ingreso titúlase 'Contos populares e Rosalía' e Ramón Lourenzo será o encargado de responderlle no nome da academia.

Redacción - 09:30 12/06/2010

O poeta do mar volve este sábado a Cangas para oficializar o seu ingreso na Real Academia Galega (RAG). Bernardino Graña dará lectura ao seu discurso de ingreso ás oito da noite, no Auditorio da vila que o veu nacer, baixo o título de 'Contos populares e Rosalía'. Poeta, novelista e dramaturgo, ademais de ensaísta, foi elixido académico no 2009 e ocupará a vacante de Cosntantino García.

O encargado de darlle a réplica no nome da Academia Galega será Ramón Lourenzo, quen o propuxo xunto con Fernández Rei. Coa súa entrada, o grupo Brais Pinto amplía a súa presenza na institución, xa que ademais de Lourenzo e Graña, o propio presidente da Real Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín, formaron parte do colectivo.

Bernardino Graña, que actualmente vive en Culleredo, traballou como catedrático de lingua e literatura no ensino medio. Aos 18 anos xa formaba parte, ao carón de Celso Emilio Ferreiro, do consello de redacción da revista de poesía Alba. Foi premiado varias veces nas Festas Minervais de Compostela e, no ano 1958, participou en Madrid na fundación do devandito Grupo Grais Pinto, co que publica Poema do home que quixo vivir, o seu primeiro libro.

Impulsor e primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), a súa obra abrangue diferentes xéneros: poesía, teatro, narrativa e literatura infantil. Entre os seus títulos máis destacados está o poemario Profecía do mar (1966), libro fundamental na poesía galega do século XX, Non vexo Vigo nin vexo Cangas (1975), Himno verde (1992) e Sen sombra e sen amor (2004). Recentemente obtivo o Premio Eixo Atlántico de narrativa galega e portuguesa pola súa primeira novela, Protoevanxeo do neto de Herodes.

  • Podes consultar a traxectoria completa de Bernardino Graña no portal da Real Academia.


5/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: