Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Diríxeo ao porto de Ashdod

O Exército israelí aborda "sen incidentes" o 'Rachel Corrie'

"Esta é a diferenza entre o sucedido o luns, cando os soldados se enfrontaban con radicais relacionados co terrorismo listos para atacar", afirman os militares.

Redacción - 14:25 05/06/2010
Porto de Ashdod

Porto de Ashdod

O Exército israelí fíxose co mando do barco humanitario Rachel Corrie logo dunha incursión "sen incidentes", segundo as Forzas de Defensa de Israel, que no entanto foi tachada de "secuestro" pola ONG Free Gaza, quen condenaron a "brutal" apropiación sobre o barco orixinalmente destinado a Gaza e que agora se dirixe ao porto israelí de Ashdod.

Tanto o Exército como a ONG Free Gaza coinciden en que non se ten constancia de vítimas durante a incursión. Segundo os militares israelís, a operación contou coa "total e absoluta cooperación" tanto dos 11 pasaxeiros -cinco activistas malasios e outros cinco irlandeses, entre estes a premio Nobel da Paz norirlandesa Maireád Corrigan Maguire e Denis Halliday, ex asistente do secretario xeral de Nacións Unidas- como dos nove tripulantes do buque.

A organización propalestina, pola súa banda, denuncia os comandos navais israelís por "asaltar un barco de axuda desarmado e tomar brutalmente como reféns os seus pasaxeiros". O 'Rachel Corrie' era o último barco da Frota da Liberdade, que se atrasou con respecto das súas naves irmás por problemas loxísticos. Transportaba máis dun milleiro de toneladas de medicamentos e material de construción á Faixa de Gaza, sobre a que pesa un bloqueo de Israel.

"Esta é a diferenza entre o sucedido o luns, cando os soldados se enfrontaban con radicais relacionados co terrorismo que se preparaban para atacar", indicou o Exército israelí na súa conta verificada do microblog Twitter, en relación aos incidentes rexistrados a bordo do Mavi Marmara, onde segundo Tel Aviv viaxaban a bordo "militantes" relacionados con Hamás.

O Exército mantén que subiu a bordo do Rachel Corrie despois de intentar pórse en contacto co buque até en catro ocasións para lle advertir de que non debía romper o bloqueo marítimo sobre Gaza, sen resultado. En resposta, Free Gaza asegura que gran parte do equipo de comunicación do barco foi inhibido polo Exército.

Nada máis confirmarse a abordaxe, o Goberno de Malaisia emitiu un severo comunicado onde "exixe enerxicamente a Israel" que "garanta a seguridade de todos os activistas humanitarios a bordo do barco, e insta a que se absteña de "emprender calquera acción violenta contra os pasaxeiros desarmados", segundo fixo saber nun comunicado o Ministerio de Asuntos Exteriores, que insiste en que o barco debe manter o seu traxecto orixinal á Faixa de Gaza.


1/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: