Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Informe 2010 do colectivo internacional

Amnistía critica os atrancos á investigación dos crimes do franquismo

O estudo denuncia que nesta altura moitos países, incluído Estados Unidos, evitan ratificar o estatuto da Corte Penal Internacional.

Redacción - 11:25 27/05/2010

Os obstáculos que no Estado Español aínda existen para a investigación dos crimes franquistas é un dos asuntos subliñados por Amnistía Internacional (AI) coincidindo coa presentación esta semana do seu informe sobre o estado dos dereitos humanos en todo o mundo. "O dereito á xustiza e á reparación das vítimas segue sendo materia pendente en España", láianse os representantes da asociación.

De xeito específico, AI critica o caso protagonizado polo xuíz Garzón e a causa aberta contra el xa que, analiza o colectivo, o maxistrado tería aplicado de xeito correcto os principios da xustiza internacional e non debera ser castigado por iso. Para AI, os atrancos no ámbito da investigación da represión franquista e a falta de ambición da propia lei de memoria histórica son eivas importantes na atención aos dereitos humanos a nivel estatal.

Fendas na xustiza global
Por outro lado, o informe cualifica de inaceptábel que só 12 países do G-20 ratificasen o Estatuto da Corte Penal Internacional (CPI). "Como pretenden eses estados exercer un liderado sobre a comunidade internacional?", advirte AI, recordando que obstaculizan a misión da CPI de ulgar as persoas "que cometen os crimes máis atroces contra as persoas". AI fai un chamamento directo a países como Estados Unidos, China, Rusia, India, Indonesia e Turquía para que ratifiquen o documento e deixen de boicotealo activamente.

O informe 2010 de Amnistía documenta casos en máis de 150 estados, denunciando torturas, xuízos inxustos, encarceramentos ilegais ou os excesos e violacións dos dereitos humanos cometidos coa escusa de combate ao terrorismo. Mais de xeito especial, o informe repara no acontecido en Sri Lanka na primeira metade do ano 2009. "O Consello de Seguridade da ONU non interveu malia que os informes de abusos por parte de ambos os bandos ían en aumento", denuncian, recordando o enfrontamento entre o exército oficial e os Tigres Tamil. Cando menos 7 mil persoas perderon a vida e malia as probas de crimes de guerra non se levou adiante ningunha investigación internacional, o cal para Amnistía é un dos principais exemplos de fracaso nos últimos tempos na loita a prol dos dereitos humanos.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: