Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Extrema dereita en Latinoamérica

Arresto domiciliario para o xeneral que capturou o Che Guevara

Gary Prado Salmón supostamente servía de asesor a unha rede de mercenarios relacionados cos secesionistas de Santa Cruz, que pretendía asasinar a Evo Morales.

Redacción - 18:00 24/05/2010
Gary Prado Salmón, co Che ao fondo

Gary Prado Salmón, co Che ao fondo

A xustiza boliviana ordenou esta fin de semana o arresto domiciliario do ex xeneral Gary Prado Salmón, famoso por ser o responsábel da captura no país, o 8 de outubro de 1967, de Ernesto Che Guevara (executado un día despois), segundo informan os medios locais.

Supostamente, o militar retirado servía de asesor a unha banda internacional de mercenarios que, segundo as investigacións, pretendía asasinar varios dirixentes do país, entre este o presidente Evo Morales, e instaurar un estado independente en Santa Cruz. Un dos fillos de Prado tamén está imputado.

Este grupo operou nesta rexión oriental de Bolivia durante 2008, cando no departamento máis rico do país se desenvolveu unha campaña secesionista e se produciron numerosas revoltas (tamén ao norte, en Pando) contra o goberno de Morales impulsadas por parte das clases máis privilexiadas.

A xuíza encargada do caso ordenou tamén o arresto de Ronald Castedo, presidente da loxa Caballeros del Oriente e ex xerente da cooperativa telefónica Cotas, de Santa Cruz, e de Juan Carlos Santisteban, xefe de Falange Socialista Boliviana.

As tres persoas foron involucradas con este grupo de mercenarios que comandaba o boliviano-croata Eduardo Rozsa Flores, abatido pola policía nun hotel de Santa Cruz, en abril de 2009, cando a banda, de extrema dereita e con ligazóns no resto de Latinoamérica, foi desarticulada pola policía.

Naquel operativo, tamén morreron Arpad Magyarosi (húngaro-croata) e Michael Martin Dwyer (irlandés). Revelouse daquelas unha rede de mercenarios, dirixentes de dereita latinoamericanos e ex militares, como os carapintadas arxentinos, que mantiñan vínculos estreitos e partillaban ideoloxía.

Dous días despois da morte dos tres mercenarios foron detidos Mario Tadic (boliviano con pasaporte croata) e Elod Toaso (húngaro), en prisión preventiva na cidade de La Paz. A investigación continúa en Bolivia e xa produciu varias detencións de dirixentes secesionistas de Santa Cruz, sospeitosos de financiar e cooperar cos paramilitares.


4/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: