Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Para ser aprobada no Congreso este martes

O PSOE acepta que o Estado asuma a "responsabilidade pública e institucional" da exhumación das foxas

IU-ICV pacta co grupo de goberno español unha moción que defende os investigadores dos crimes do franquismo e pide a modificación da Lei da Memoria Histórica.

Redacción - 18:35 11/05/2010
A moción,  aprobada este martes

A moción, aprobada este martes

Os grupos parlamentarios de PSOE e IU-ICV no Congreso dos Deputados pactaron este martes unha moción que defende os investigadores dos crimes do franquismo e pide a modificación da Lei da Memoria Histórica para que se garanta a responsabilidade pública e institucional nos labores de procura e exhumación de foxas de vítimas, tanto na localización como na divulgación de resultados.

O acordo tradúcese nunha emenda de substitución á moción como consecuencia da interpelación de IU-ICV, en que se insta ao goberno español a garantir "a responsabilidade pública e institucional nos labores de localización, exhumación e identificación das foxas ou enterramentos das vítimas do franquismo", de xeito que se non o garanten as autonomías sexa a Administración do Estado que o faga subsidiariamente.

Segundo explicou o deputado de IU-ICV, Joan Herrera, para todo isto se requiren mudanzas nos artigos do 11 ao 14, que na súa redacción actual non garanten esa responsabilidade pública, o que leva un via crucis en distintos xulgados e administracións para os familiares que buscan restos de desaparecidos, un "fallo estrepitoso" da norma.

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSOE, José Antonio Alonso, afirmou que o PSOE non dubidará en pactar "calquera mellora que permita un desenvolvemento mellor" da Lei da Memoria Histórica, posto que hai que restituír a dignidade das miles de persoas que seguen enterradas en gabias e, nesta cuestión, "non hai marxe para ideoloxías nin partidismos".

Herrera, porén, mostrouse cauto sobre a modificación da lexislación porque é consciente de que "logo custará que o Goberno a cumpra, xa que até o de agora xa lle custa desenvolver a Lei da Memoria". En todo caso, constituirá unha "pequena vitoria", posto que será unha "ferramenta" para lle exixir ao goberno español que garanta a axuda pública ás vítimas e tamén para que "fique claro" que a investigación dos crimes do franquismo "nunca pode ser considerada delito".

Puntos incluídos e puntos fóra do acordo
Outros aspectos que se inclúen no acordo son transformar e potenciar a Oficina para as Vítimas, dar a coñecer o mapa integrado de foxas, e conmemorar de forma solemne unha declaración do Congreso de condena expresa dos deputados ao réxime franquista e de apoio ás súas vítimas. Fican fóra do acordo, no entanto, constituír un día anual de conmemoración dos represaliados, ou crear unha Fiscalía especial para estes crimes e un Alto Comisionado para atender ás vítimas.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: