Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NA SERRA DO CANDÁN

Medio Ambiente autoriza un campionato de enduro nun espazo da Rede Natura

Malia permitir o estrondo e a desfeita previsíbel que provocarán ducias de motos, o permiso inclúe a prohibición de usar autofalantes.

Redacción - 17:58 16/04/2010

O vindeiro domingo 25 de abril disputarase na Serra do Candán (Lalín) unha proba do Campionato de España de Enduro. Dende o colectivo ecoloxista Adega, sen entrar a valorar o carácter desta práctica deportiva, denuncian que o torneo terá lugar no corazón do espazo considerado Lugar de Interese Comunitario (LIC) e protexido pola Rede Natura.

Os ecoloxistas denuncian o feito de que a Dirección Xeral de Conservación da Natureza autorizase a celebración desta proba, o que entenden que demostra “o pouco respecto” que ten “cara o noso patrimonio natural”. Chama a atención que na súa autorización, A Xunta incluíse algunhas medidas como que “non se poderán usar altofalantes dentro do espazo natural protexido”. Adega subliña que “tendo en conta que a proba transcorre integramente dentro do LIC, non deixa de ser absurdo que á Administración lle preocupe máis o impacto da megafonía sobre as especies protexidas que o estrondo e as desfetias de ducias de motos”.

Entre os valores naturais máis salientábeis da Serra do Candán atópase unha poboación de cobra rateira e a salamántiga rabilonga, mais sobre todo destaca unha valiosa avifauna na que destaca o bufo real (hai unha parella reprodutora das 10 censadas en Galiza), a curuxa das xunqueiras ou a aguia cobreira, a gatafornela e a tartaña cincenta, entre outras especies.

O patrimonio natural hai que xestionalo
Adega entende que esta é unha demostración máis da “nefasta política ambiental” da Xunta e subliña que a inmensa maioría dos espazos protexidos galegos carecen aínda dos preceptivos Planos Reitores de Uso e Xestión (PRUX). Tamén lamentan que a meirande parte das especies emblemáticas da nosa biodiversidade non contan con Planos de Conservación ou Recuperación que garantan a súa supervivencia.


Ligazóns

5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: