Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NAS PALABRAS DE UXÍO NOVONEYRA

"Os paxaros, os prados, os eidos calados..."

En lembranza e homenaxe ao poeta do Courel, a Universidade de Santiago dá o prelo por vez primeira o manuscrito autógrafo d'Os Eidos. Vídeo interior.

Isabel G. Couso - 17:40 13/04/2010
Imaxe da edición facsimilar d'Os Eidos

Imaxe da edición facsimilar d'Os Eidos

A invocación ao Courel, ás "terras outas soias do Courel", d'Os Eidos volve cobrar a voz do propio Uxío Novoneyra da man da súa propia escrita na edición facsimilar que a Universidade de Santiago de Compostela ven de publicar. No ano en que as Letras renden homenaxe ao "poeta nacional" (en palabras da súa filla), a USC quíxose sumar coa edición do manuscrito autógrafo que Uxío compuxo entre 1952 e 1954, publicado por Galaxia en 1955.

Os eidos, os paxaros, os regatos, os caborcos ou os lobos volven cobrar vida neste universo do Courel da man da reedición deste poemario que contén a base e o fundamento primordial do que había ser todo un ciclo poético que o propio poeta comezaría a pechar coa edición de Os Eidos. Libro do Courel, onde reúne os poemas d'Os Eidos (1955) e d'Os Eidos-2 (1974).

A lingua e O Courel, teimas recorrentes
Atendendo ás palabras de Branca Novo, filla do poeta (ver vídeo), este poemario será fundamental para recuperar a memoria de Novoneyra, para que as desmemoriadas xeracións poidamos tiralo de visións reduccionistas e aferrarnos á esperanza da recuperación da memoria do que somos. Branca Novo agradeceu, na presentación do volume, a reivindicación dunha figura como a do seu pai, "despois de 10 anos de silencio institucional e cultural", e defendeu aquela "experiencia intensa sobre a terra" d'Os Eidos, agoirando e antecedéndose a unha actual desaparición do mundo rural.

O exemplar, que leva por título "Uxío Novoneyra. Día das Letras 2010" foi cualificado polo seu coordinador, Anxo Tarrío, como "unha xoia bibliográfica": "o poeta converte cada composición nun auténtico e fermoso caligrama que os editores da USC trataron coa maior delicadeza para conseguir unha representación fiel nos máis mínimos detalles ao orixinal, un humilde bloc dos que correntemente se mercan nas papelarías".

Finalmente, Branca Novo subliñou que o poeta "fixo da súa lingua a súa teima máis recorrente", alén do "mítico Courel, hoxe esquecido, inviábel". Queda agora nas nosas mans a decisión de andar o camiño do poeta, o camiño "de volta á terra".


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xoán Blanco, Anxo Tarrío e Branca Novo Rey, filla de Novoneyra, falan d'Os Eidos

O exemplar editado pola USC tamén inclúe un conxunto de estudos sobre o autor
O exemplar editado pola USC tamén inclúe un conxunto de estudos sobre o autor