Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A 160 MILLAS DE CABO VILÁN

Salvamento Marítimo tardou 16 horas en atender o naufraxio do cargueiro

O BNG pide unha investigación sobre as causas e circunstancias do afundimento e recordan que tiveron como consecuencia dúas mortes.

Redacción - 19:30 31/03/2010

O primeiro aviso de emerxencia do Kea, o cargueiro con bandeira de Barbados que afundiu este martes ao mediodía a 160 millas ao oeste-noroeste de Cabo Vilán, chegou ao Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo de Xixón o luns ás 20:30 da noite. Porén, non foi até a unha da tarde do día seguinte que chegaron ao lugar os primeiros buques de rescate, é dicir pasaron un total de 16 horas.

Se ben é certo que o capitán do cargueiro non deu a orde de abandono do buque, os datos cos que contaba Salvamento xa apuntaban un perigo de afundimento, por mor do corremento da carga que transportaba, nitrato de amonio, que facían que o buque se mantivese escorado, cunhas moi malas condicións meteorolóxicas e de mar, con ondas de sete a oito metros de altura.As consecuencias finais foron catastróficas: un total de 22 tripulantes foron rescatados no mediodía do martes, mais outros dous continúan desaparecidos. Ademais, o buque rematou afundindo.

Diferenzas económicas?
Até o de agora dende o Ministerio de Fomento, do que depende Salvamento Marítimo, non deu explicación algunha que xustifique esta demora na actuación. Mais ao contrario, Xosé Blanco subliñou este mércores a “actuación en tempo récord” e felicitouse da coordinación dos medios dependentes tanto do goberno español, como do portugués como da Xunta.

Malia a situación extrema na que se atopou, durante estas 16 horas, o cargueiro non foi socorrido por ningún remolcador. Aínda máis, o primeiro buque en achegarse foi a fragata da Armada Española “Álvaro de Bazán”, que non ten capacidade de remolque. Se ben os traballos de remolque son públicos, non son gratuítos e, en máis dunha ocasión, Salvamento Marítimo ten sido levado aos tribunais por desatender este tipo de labores ao non chegar a un acordo económico coa empresa armadora.

Descoordinación?
Outra cuestión que queda por aclarar é a procedencia dos diferentes activos de emerxencia que acudiron a atender o suceso. Mentres as embarcacións galegas “Irmáns García Nodal” e “Sebastián de Ocampo” permanecían amarradas na Coruña, até a zona desprazáronse, ademais da fragata “Álvaro de Bazán”, o buque “Shaphire”, o “Don Inda” un helicóptero do Servizo de Busca e Salvamento do Exército do Aire “Rescue 34”, un helicóptero tipo Merlín de Portugal, o “Helimer 210”, o avión “Rosalía de Castro” de Salvamento Martítimo; e o Pesca I e Pesca II da Xunta.

Algunhas fontes sinalan que a Xunta de Galiza non tivo coñecemento deste naufraxio até ben iniciado o martes, cando xa foi requirida a súa actuación para trasladar a un dos feridos en ambulancia. Porén, queda por aclarar cal foi a coordinación e cooperación entre Madrid e a Xunta na atención á emerxencia.

E a carga e mailo combustíbel?
O Kea viaxaba dende Rusia até Colombia para transportar cinco mil toneladas de nitrato de amonio, empregado como abono, mais tamén como explosivo. As autoridades españolas adiantan que é moi pouco contaminante e que se disolve rapidamente no seu contacto coa auga. Porén, non se fixeron públicos datos ningúns sobre a cantidade que podía transportar o buque, agora afundidos.

Ademais, tampouco se informou sobre as toneladas de combustíbel que previsibelmente cargaba a embarcación. Dende a Federación Ecoloxista Galega (FEG) xa demandaron que se poña en marcha un dispositivo de localización, seguimento e contención da posíbel contaminación derivada dos hidrocarburos. Ademais, subliñan que a zona do afundimento se atopa preto dunha área de paso de máis dun millón de aves en períodos migratorios. No caso de existir danos ao medio ambiente, piden “que se comprobe se o buque conta co certificado de responsabilidade civil e faga fronte dos custes da cobertura de responsabilidade en atención á contaminación”.

O BNG pide que se abra unha investigación
Os nacionalistas adiantan que hai “moitas interrogantes abertas” ao redor da activación do dispositivo e rescate emprendido por Salvamento Marítimo. Segundo o portavoz de Pesca do BNG, Bieito Lobeira, queren explicacións sobre o tempo tardado en atender a emerxencia e piden datos exactos sobre as horas exactas nas que foron recibidas as alarmas e nas que foron dadas as ordes de actuación.

Asemade, tamén ven “situacións escuras” no uso dos helicópteros e consideran que dende a Sociedade Estatal de Salvamento e Seguridade Marítima non se informou o suficiente ao servizo de Gardacostas de Galiza. “Non queremos recrearnos nunha desgraza”, di Lobeira, “mais si detectar os erros, aplicar medidas correctoras e evitar que volvan cometerse”.


4/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O naufraxio tivo como consecuencia dous tripulantes desaparecidos e o afundimento do buque,c oa consecuente contaminación por combustíbel
O naufraxio tivo como consecuencia dous tripulantes desaparecidos e o afundimento do buque,c oa consecuente contaminación por combustíbel
Dende a FEG xa demandaron que se poña en marcha un dispositivo de localización, seguimento e contención da posíbel contaminación
Dende a FEG xa demandaron que se poña en marcha un dispositivo de localización, seguimento e contención da posíbel contaminación
Imaxe do barco case totalmente afundido, tomada dende o helicóptero portugués (vídeo do Jornal de Notícias)
Imaxe do barco case totalmente afundido, tomada dende o helicóptero portugués (vídeo do Jornal de Notícias)