Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Entregados por CC OO

Xesús Díaz, Chelo López, Xosé Fernández, Xoán Benavides e Constantino Trillo, premios 10M

Cinco persoas destacadas do mundo sindical, o último deles a título póstumo, recibiron os galardóns coincidindo co Día da Clase Obreira Galega.

Redacción - 12:41 14/03/2010

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia e a Fundación 10 de Marzo entregaron este sábado en Compostela os Premios 10 de Marzo. Os galardóns repartíronse coincidindo cos actos organizados polo sindicato co gallo do Día da Clase Obreira Galega.

As persoas premiadas este 2010 foron Xesús Díaz Díaz, Chelo López Villaverde, Xosé Fernández Liste, Xoán Benavides e, a título póstumo, Constantino Trillo.

Xesús Díaz foi secretario xeral de CC OO en Galiza entre 1988 e 2000. Precisamente, durante a súa etapa puxéronse os alicerces da Fundación Paz e Solidariedade, dos CITE, de Forem e da Fundación 10 de marzo, que instituíu o premio que recibiu este ano. Chelo Villaverde foi delegada durante 30 anos no comité da súa empresa e protagonista da creación da Federación Galega de Químicas. Loitou polas liberdades sindical e sexual e figurou na lista de persoas "eliminábeis" para os golpistas do 23-F.

Xosé Fernández Liste foi elixido entre 1978 e 1995 para representar o persoal de Telefónica en Compostela, acadando que máis do 60% dos traballadores se afiliasen ao sindicato. Xoán Benavides, militante na clandestinidade de CC OO en Vigo, foi detido en varias ocasións. En setembro de 1972 os policías déronlle unha brutal malleira, pero non delatou ninguén. Por último, Constantino Trillo, falecido no verán de 2009, salientou na dirección comarcal de Ensino da Coruña e no Consello Escolar.

CC OO desenvolveu outros actos con motivo do Día da Clase Obreira Galega, como mobilizacións ou o descubrimento de dúas placas: unha en Ferrol, na praza a Manuel Amor Deus, e outra en Vigo, na rúa dedicada ao 10 de marzo.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: