Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
EN BUEU

Reábrese a disco-tasca: volve Aberto por Reformas

Xurxo Souto presentará unha nova edición do desaparecido programa da Radio Galega na Casa do Pobo de Beluso.

Isabel G. Couso - 09:50 05/02/2010
Xurxo Souto conducirá o programa este sábado en Beluso

Xurxo Souto conducirá o programa este sábado en Beluso

A disco-tasca está de volta. Aberto por Reformas segue vivo como pervive a súa filosofía: darlle un espazo a vizosa e variada música galega. Esta fin de semana Beluso (Bueu) acollerá o renacemento do que foi un programa radiofónico fundamental para a difusión da nosa música. Xurxo Souto presentará, canda o seu compañeiro Vituco Neira unha nova edición do programa, iso si, en aberto e ante o público.

A iniciativa partiu da Asociación de Mozas e Mozos de Beluso: “falabamos entre nós do triste que foi a desaparición do programa co cambio de goberno e ocorréusenos a idea de que o Aberto puidese facerse ante o público aquí en Beluso”. Logo de diferentes colaboracións entre Souto e a Asociación na celebración dos concorridos festivais da Noite do Trasno (en Cabo Udra), a disposición do coñecido músico e presentador foi a mellor. “Queríamos, dunha banda recuperar dalgún xeito a filosofía do programa e, da outra, denunciar a súa eliminación da grella radiofónica”, apuntan dende a organización.

Música do Morrazo
Este especial Aberto por Reformas centrarase nos artistas do Morrazo, que serán protagonistas de entrevistas e actuacións en directo. Participarán o ex director da banda de gaitas Manxadoria, Anxo Gago, máis coñecido como ‘Lito’; o moañés Iván Costa, un dos mellores gaiteiros dos últimos tempos; Víctor Cabaleiro, xerente do Aturuxo, sala de concertos referente en Galicia; o pianista cangués Xan Campos, unha das grandes promesas do jazz galego; o profesor do conservatorio profesional de Cangas Luis Carballo, promotor do festival internacional CanJazz e do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra; Álex ‘O neto de Manoel’, que actuará como tal cantautor acompañado por Álex Master, membro tamén da Tuna Rastafari; e mais dous integrantes da mítica banda rockeira Astarot, Guess (cantante) e Carlos Gandón (guitarrista).

A maiores, Souto promete achegar algunhas das novidades musicais dos últimos meses, música que non ten agora tristemente cabida na Radio Galega. Será este sábado as oito da tarde na Casa do Pobo de Beluso, onde se recibirá público até completar aforo. Ademais, para aqueles que non poidan achegarse, o programa será gravado para emitir logo a través da web komunikando.net. Dende que se dese a coñecer esta iniciativa, foi moito o interese espertado e xa se oen algunhas voces que piden a súa continuidade por outros concellos do país.


4,86/5 (36 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: