Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Paradoxos no sistema

A continuidade das nucleares frea a introdución das enerxías renovábeis

A recente parada de muíños equivalente a 600MW ordenada por Red Eléctrica Española, exemplo da discutíbel continuidade das centrais nucleares.

Redacción - 12:25 07/01/2010

O pasado verán o goberno español anunciaba a súa intención de prorrogar a licenza de explotación da central nuclear de Garoña. O Ministerio de Industria concedíalle así á planta máis antiga do Estado, xestionada por unha sociedade participada por Iberdrola e Endesa, a posibilidade de permanecer en activo cando menos até 2013. A sorprendente decisión chocaba co propio argumentario manexado polo executivo estatal, que recoñecera anteriormente que o inminente peche desta central non ía implicar problemas para o subministro eléctrico.

Coincidindo co final de 2009 produciuse un exemplo práctico desta situación, cun dato máis sobre a mesa a prol do peche da que pasa por ser unha das plantas nucleares máis antiga e de tecnoloxía máis obsoleta en todo o mundo. Así, Red Eléctrica Española (REE) ordenou na altura do 30 de decembro unha paralización de actividade na rede eólica por un equivalente a 600 megavatios. Coincidindo cos días de fortes ventos, e cos encoros cheos e en alto nivel de xeración hidráulica, a rede non tiña capacidade de absorber maior produción e, toda vez que redución técnica nas centrais térmicas non foi abondo e non se considerou tecnicamente viábel a paralización temporal das plantas nucleares, a damnificada foi a rede eólica.

Segundo as cifras da REE e da Asociación Empresarial Eólica, ese día concreto na véspera de fin de ano a enerxía do vento volveu superar a porcentaxe de cobertura, chimpando ao 54,1% do total dos kilovatios producidos. De feito, como media, no mes de decembro o vento cubriu o 20,1% da demanda estatal, por riba do 17% das nucleares e só por baixo do 28% do gas. Xa en novembro, a eólica quedara tamén por riba das nucleares (21,5% fronte a 19,5%). No conxunto do ano 2009, as térmicas forneceron o 30,4% da demanda e as nucleares o 20%, experimentando un forte ascenso a eólica que neses doce meses cubriu xa o 14,3%.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: