Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Reflexións co novo ano

O Goberno queda só na defensa do borrador do decreto

A Mesa, o PSdeG, UPyD e Nova Escola Galega arremeteron como o texto, que Núñez Feijoo definiu como "o primeiro" que permite escoller.

Redacción - 16:20 02/01/2010

Unha vez pasadas as celebracións do novo ano, partidos políticos e asociacións fixeron públicas este sábado as súas reaccións ao borrador do decreto do idioma do ensino presentado o día 30. O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, anunciou que acudirá á vía das "denuncias internacionais" para botar abaixo o decreto, que tachou de "galegófobo" e de "inaplicábel".

Callón cualificou o decreto de estar "contra o galego" e de ser a maior agresión á lingua "en toda a etapa democrática", porque "profundiza nos problemas existentes e crea problemas novos", o que incide "nun plan de extinción da lingua".

Así mesmo, o presidente da Mesa recalcou que o decreto "vai contra do Estatuto", pois parte "do dereito á ignorancia dunha lingua" e advertiu de que "vulnera tratados internacionais de obrigada aplicación". Tamén lembrou que un de cada cinco galegos de entre 14 e 19 anos non é competente na lectoescritura en galego, segundo datos do INE.

Por último, referiuse á "fonte de conflitos e de enfrontamentos" entre familias que pode producir o texto, e cualificou de "disparate antipedagóxico" que uns pais decidan sobre outros. Anunciou que o 21 de xaneiro "será histórico" polo paro xeral convocado no ensino.

PSdeG
O voceiro de Educación do PSdeG, Guillermo Meijón, cualificou de "completo despropósito" o borrador do novo decreto sobre o idioma no ensino. O parlamentario socialista cuestionou que o presidente da Xunta fale de trilingüismo nas aulas "cando a formación do profesorado descende un 30 por cento" nos orzamentos.

Meijón denunciou que "a gran trampa" do novo decreto é "querer falar de educación trilingüe" cando o país non conta co nivel adecuado para que un tercio das materias se impartan en inglés. Así mesmo, avaliou que a presentación, o 30 de decembro, foi "con nocturnidade, premeditación e aleivosía", unha "estratexia" que, ao seu entender, está a seguir a Consellaría de Educación dende a chegada ao poder do PPdeG.

O voceiro socialista defendeu que o concepto de trilingüismo xa aparecía no decreto do bipartito, no que tamén había unha "aposta" pola formación do profesorado. Engadiu que o novo texto "elimina a discriminación positiva a favor do idioma" e que foi "elaborado por xente que non traballa nas aulas", ás que trasladará "o conflito".

Porén, non descartou "aceptar este texto como base", sempre que se forme unha comisión mixta para "consensuar" o decreto. Con este obxectivo, o PSdeG presentou unha proposición non de lei no Parlamento.

UPyD
O partido Unión Progreso y Democracia (UPyD) tampouco se amosou entusiasmado co borrador. Así, afirmou que "non garante a liberdade de escolla lingüística e incumpre as promesas realizadas por Feijoo e polo PP", polo que cualifica o texto feito público o 30 de decembro de "fraude". A formación critica que a consulta aos pais se faga "cada catro anos escolares", polo que conclúe que "o señor Núñez Feijoo enganou os cidadáns".

Nova Escola Galega
O Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega, autor do único proxecto global sobre a normalización lingüística no ensino, afirmou que o borrador prescinde do consenso anterior e desconsidera "os preocupantes datos sobre a saúde do idioma" ao renunciar a promover e a protexer o galego, desamparaando "as accións realizadas ao abeiro dos avances propiciados pola normativa aínda vixente".

Engade que o galego queda relegado "e, na práctica, confrontado" a atopar espazos nos "caladoiros" que as outras linguas (castelán ou inglés) "non poidan encher". Entende que o anuncio realizado polo presidente da Xunta "pon en evidencia unha actitude prepotente do partido no goberno" e que se cumpren "os peores agoiros", dos que xa alertaran a cidadanía, as institucións e os movementos sociais e educativos.

Por iso, pide que se restabeleza o consenso a partir do previsto no Plan Xeral de Normalización Lingüística e faille un chamamento á comunidade educativa e á sociedade en xeral para evitar a involución de dereitos.

Núñez Feijoo
O presidente da Xunta asegurou este sábado na Radio Galega que o novo decreto formula "un equilibrio real e blindado" entre as linguas e que permite "por primeira vez" a escolla dos pais e dos alumnos. Así mesmo, considerou que o texto está "de acordo coa Constitución, co Estatuto e coa Lei de Normalización Lingüística".

Sinalou, ademais, que inclúe a intención de "dividir a medio prazo, en terzos, as horas lectivas" entre galego, castelán e "lingua estranxeira, predominantemente en inglés". Feijoo arremeteu contra a anterior normativa, que "supuxo unha inmersión lingüística que rompeu o equilibrio".


4,6/5 (15 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: