Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRISE TAMÉN NO AGRO

"Os nosos avós vendían as patacas a 20 pesetas e nós a catro céntimos"

O Sindicato Labrego organiza mercados transparentes nas cidades para denunciar a venda da pataca catro veces máis cara que o custe de produción.

Redacción - 11:30 22/12/2009

Producir un quilo de patacas ten un custe aproximado de 15 céntimos (a que se adica á industria) ou 17 céntimos (a que se destina ao consumo). Neste prezo inclúese a sementeira, mais tamén o pago de insecticidas, abonos químicos e demais produtos hoxe necesarios para unha boa produción. Porén, ao remate de todo o proceso, o produtor só recibe catro céntimos polo quilo de patacas. Mentres, o consumidor final vai mercar o quilo a uns 60 céntimos. As contas non son difíciles: o sobreprezo final fai que as industrias que actúan como intermediarios se lucren nada menos que nun 1.500 %.

Contra esta situación rebélase o Sindicato Labrego Galego (SLG) que organizará este mércores mercados transparentes en Ourense, Vigo, Pontevedra e Compostela. A idea é vender o quilo de patacas a 25 céntimos, un prezo que consideran xusto porque lles permitiría cubrir o seu custe de produción. Mais o verdadeiro obxectivo destes actos é o de facer ver aos consumidores a verdadeira situación do agro galego e, en concreto, dos produtores de patacas, un sector que en comarcas como a Limia representa o 90% das familias que viven do agro.

A pataca: da terra ao supermercado
Os produtores ven empeorar a situación do mercado das patacas ano tras ano. "Os nosos avós recibían unhas 20 pesetas polo quilo e a nós págannolo a catro céntimos", di Manola Ferredelo (SLG), "e iso que os gastos de produción medraron considerabelmente, entre produtos químicos e demais". Unha vez recollida a produción, os labregos venden as patacas fundamentalmente a almacenistas quen, á súa vez, se encargan de vender a minoristas, que distribúen ás áreas comerciais. "A venta directa é totalmente residual", di Ferredelo, mentres subliña a importante marxe comercial que van gañando, un tras outro, todos os intermediarios.

Así as cousas, o Sindicato estima en 70 millóns de quilos a produción que nestes momentos continúa almacenada, é dicir, practicamente a metade de todas as patacas recolleitas na Limia. Mentres, denuncian, impórtanse patacas de fóra a baixo prezo, un produto que, por outra parte, non conta coa mesma calidade do tubérculo galego. Para afrontar esta situación, piden mecanismos arancelarios que compensen a importación e impidan que as patacas foráneas cheguen ao mercado a prezos tan baixos.

Contratos homologados
Doutra banda, o Sindicato Labrego tamén pide que se habiliten os contratos homologados no sector, ao xeito dos asinados no sector gandeiro. Actualmente, o mercado da pataca regúlase mediante "contratos privados variábeis, de palabra, que moitas veces nin tan sequera se cumpren", din. Así, piden a regulación desta compra-venda con documentos asinados e que se estabelezan uns prezos mínimos que cubran traballo e custe de produción.

Ao tempo, exixen á Xunta e ao goberno español un control das marxes comerciais e que realicen convenios, accións de incentivo da produción e que procedan a efectuar as denuncias que sexan necesarias para "rematar coa situación de abuso á que se ven sometidos os produtores".


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: