Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Relevo de García Díez en Lugo

Feijoo amarra no PP lugués mais choca co baltarismo en Ourense

Jaime Castiñeira é o novo presidente da xunta local luguesa. Mentres, na provincia de Ourense, Baltar asegura que acabou o "mal rollo" con Feijoo.

Redacción / Europa Press - 09:00 13/12/2009

O PP de Lugo elixiu este sábado a Jaime Castiñeira como presidente da xunta local do partido cos votos a favor do 96,96 por cento dos 231 compromisarios que participaron no congreso. No acto, o presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijoo, deulle o parabéns a Castiñeira por alcanzar "un primeiro plano" no PP lugués, ao suceder a Joaquín García Díez como voceiro da formación. A este, Feijóo agradeceulle a súa "importante" tarefa e erixiuno no "mellor alcalde de Lugo dos últimos 15 anos".

Ademais, o presidente da Xunta mostrouse convencido de que o PP "gañará as eleccións" en Lugo nas eleccións municipais de 2011, e tamén a nivel estatal. Nesta liña, reivindicou que os populares son "os mellores xestores" e erixiu o presidente estatal, Mariano Rajoy, nun "líder sensato e serio fronte aos máis pésimos improvisadores". "O PP é un partido ao que lle gusta a democracia, e por iso goberna cando gaña e permite gobernar ao que gaña cando el perde", resaltou, para incidir no novo lema da formación, 'Un partido de goberno'.

Respecto a Lugo, e a xuízo de Feijoo, o PPdeG "impulsa" a cidade, de aí que os lucenses reciban un "40 por cento per cápita máis" dos presupostos que os cidadáns doutras provincias, tal e como apuntou. Ao respecto, subliñou a decisión do Executivo de "conceder un novo hospital a Lugo", así como "facer posíbel" que o próximo ano "xa estea en funcionamento". "Malia que estaba presupostado polo bipartito como catro paredes sen nada dentro", criticou. Neste sentido, considerou que o Goberno "está a encher de servizos públicos os baleiros herdados" da anterior lexislatura. No congreso tamén estiveron presentes o presidente da Deputación de Ourense, Xosé Manuel Baltar; o presidente do PP de Lugo, Xosé Manuel Barreiro; e os conselleiros de Sanidade, Pilar Farjas, e de Medio Rural, Samuel Juárez.

Baltar nega que exista "baltarismo"
O presidente do PP de Ourense, Xosé Luis Baltar, apuntou este sábado á existencia de "coincidencias" co presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, e asegurou que tanto este como os alcaldes da provincia lle indican que "ten que continuar" no partido tras o congreso, que se celebrará o próximo 30 de xaneiro, aínda que rexeitou que haxa algo denominado "baltarismo".

"Hai moita coincidencia por parte de todos os alcaldes, que o primeiro que me din é que o que queren é que siga, pero a min ninguén me quere presionar para que tome unha decisión contraria ao que pense", argumentou e engadiu que leva "moitos anos en política" --case 42-- e cre que el e a súa familia "merecen un descanso". Durante o congreso local dos populares en Lugo, Baltar referiuse, así, ao relevo no PP ourensán e ao feito de que o seu fillo se postulara para sucederlle. Neste sentido, destacou que cando Manuel Fraga deixou a presidencia, o PPdeG fixo "ese congreso onde había que elixir". "E eu dixen sempre: de Fraga para abaixo democracia", espetou.

"Non é que con Fraga non a houbese --democracia interna-- , é que Fraga era unha figura tan indiscutíbel dentro do PP que tiña o apoio de todas as bases do partido e non era posible ir contra el. E agora digo o mesmo, se decido non me presentar, 'de Baltar para abaixo, democracia', e o que os militantes do partido digan", aseverou. Con todo, rexeitou que exista "baltarismo" na provincia de Ourense, algo que atribuíu a "un invento". "Non hai nada, hai Partido Popular e nada máis", insistiu.

"Traballo en equipo" e sen "mal rollo" con Feijoo
Dito isto, sinalou que segue mantendo "contactos" con rexedores e coas persoas "representativas" do partido dende o día que mantivo a reunión con Feijoo para tratar a celebración do próximo congreso. "Isto non é traballo dunha persoa, senón que é traballo dun equipo e estou a recibir a impresión que teñen eles desa situación", explicou, tras o que engadiu que, en función desa "impresión", tomará a decisión o próximo martes pola mañá.

Por último, asegurou que non se irá do partido porque, pase o que pase, "seguirá traballando permanentemente", aínda que matizou que, en caso de non presentar candidatura, vaino facer "sempre e cando o novo equipo me quixese" e "non coa mesma intensidade". "Pero si ao final a maioría me prega moito, xa dixen o outro día que fisicamente me atopo ben coa idade que teño --aínda que psicoloxicamente teño ganas de descansar e non quero esa responsabilidade enriba--, pero faremos o que sexa máis conveniente para todos", concluíu.

Por outra banda, negou que nunca tivese "mal rollo" co actual presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, aínda que admitiu que, no momento en que aspiraba á presidencia, el tiña "un compromiso cun amigo que me foi leal toda a vida", en alusión a Xosé Cuiña. "Non é que eu tivese nunca mal rollo con Feijoo, o que pasa é que no momento que aspirou á presidencia do partido eu tiña un compromiso cun amigo que me foi leal toda a vida, ao que eu lle debía lealdade e dixen que non cambiaba de posición por ningún motivo", recordou o barón popular.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: