Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Malia a memoria do Prestige

Marea negra de agoiros: nin centro anticontaminación nin competencias en salvamento

O Parlamento aproba unha proposta unánime, mais eivada, fronte ao desmantelamento do equipo de prevención da contaminación mariña.

Redacción - 09:30 11/12/2009

O paradoxal traslado a Madrid do equipo do antigo centro de prevención e loita contra a contaminación (Cepreco), que tiña sede na Coruña, foi a debate este mércores na Cámara, logo de que formacións políticas e a propia Xunta se queixasen xa en días pasados da decisión do goberno español.

A proposta do PP, o Parlamento aprobou instar a Xunta a dirixirse ao goberno español para que "rectifique na súa decisión de desmantelar e trasladar fóra de Galiza o equipo técnico adscrito ao antigo Centro de Prevención da Contaminación, de tal xeito que manteña este servizo na nosa comunidade, para a coordinación interministerial e o deseño do plan de continxencias ante episodios de contaminación mariña similares ao Prestige". Até aí o punto de encontro entre os tres grupos parlamentarios, xa que as emendas coas que socialistas e nacionalistas chamaban a mellorar a iniciativa non foron aceptadas polo PP.

O PP rexeita as engádegas de PSdeG e BNG
Argumentaron os populares que os grupos da oposición pretendían coas súas propostas teimar na acusación ao PP pola catástrofe do Prestige. Con todo, na práctica, socialistas e nacionalistas coincidían na necesidade dun dispositivo máis ambicioso que o vello Cepreco e que non se adicase simplemente a redactar protocolos de actuación, senón que incluíse a análise, estudo e prevención das causas dos accidentes. De paso, o BNG esixía que se reclamasen para Galiza as competencias en materia de salvamento marítimo e os socialistas pedían que o Goberno exercese as competencias das que xa dispón, exemplificando coa necesidade de fondos para a localización dun helicóptero na Costa da Morte.

De xeito concreto o deputado nacionalista Bieito Lobeira insistiu en que a Xunta debera constituír un organismo especifico de prevención e loita contra a contaminación mariña. Lobeira criticou ademais que o PP presentara unha proposición non de Lei para manter en Galiza o equipo técnico adscrito ao antigo Cepreco cualificando a proposta de "mentira calculada". "Tendo en conta que no ano 2001 cando sucedeu a catástrofe do Prestige existía un plano de continxencias que consistía en esencia, segundo Manuel Fraga, en encomendarse ao apóstolo Santiago para evitar que o vento impedira que a mare negra chegara á costa galega e confiar na intelixencia dos polbos para fuxir do fuel", ironizou. Recordou o deputado do BNG que o PP afirmaba daquela que Galiza contaba co "mellor" servizo de salvamento "do mundo" cando en realidade, indicou "non tiñamos ningún buque anticontaminación a pesar de ser o primeiro punto da terra en agresións como consecuencia das mares negras e ter 1700 km de costa mentres que Bélxica, con 60 km, tiña dous buques que viñeron a Galiza a facer o traballo".


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: