Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Tomban a ILP contra o plus de altos cargos

Encarna Otero: "Perderon unha boa ocasión de dar un exemplo democrático"

A ex directora xeral de Vivenda lamenta o freo á Iniciativa Lexislativa Popular e desafía os funcionarios ex altos cargos a rexeitaren publicamente esta bonificación.

Redacción - 14:00 09/12/2009

Perdeuse "unha oportunidade de ouro" de corrixir un erro "gravísimo". Así o resume Encarna Otero, ex directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, e autora en 2007 dun artigo (Privilexios ou igualdade) onde, como alto cargo do Goberno, manifestaba a súa "discrepancia e oposición" coa reforma da lei da función pública no referido á polémica bonificación. Unha reflexión que axitou diante da opinión pública este polémico salario para os funcionarios altos cargos e que mesmo contribuíu a modificar a posición oficial da súa formación política, o BNG, que inicialmente votara de xeito favorábel xunto co PSdeG a emenda do PP que introducía o polémico plus.

"Os erros sempre se poden subsanar", destacou Encarna Otero, laiándose de que a maioría do Parlamento, cos votos de PPdeG e PSdeG impedise este mércores a corrección dun "problema político" de "enorme gravidade". "Non parecen atender ao dano consciente que lles están facendo á democracia", reprocha, criticando que se siga tratando de darlle cobertura legal e converter en privilexio unha medida "claramente censurábel".

"Sería bo neste momento dar exemplo persoal de ética e democracia", desafía Encarna Otero. "A vida política tamén se constrúe como compromiso ético", apunta a ex directora xeral. "Igual que o presidente de Uruguai vai traballar unha súa leira o mesmo día que o elixen, os ex altos cargos funcionarios poden aquí rexeitar este plus", ironiza Otero, "ninguén lles pon un coitelo, é facilísimo: se non o solicitan non llo ingresan". "Por saúde da vida pública e democrática", subliña, "así o deberan facer", rexeitando a bonificación e facendo público o seu desacordo coa chamada disposición adicional 17 que autorizou este extra.


4,67/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: