Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PROGRAMACIÓN

Menos cultura na Televisión Galega

A dirección xa comunicou a supresión da grella televisiva dos seus programas Miraxes, Libro Aberto e Onda Curta.

Redacción - 13:45 04/12/2009

Polo Nadal e sen previo aviso. Os responsábeis dos programas culturais da TVG, Miraxes, Libro Aberto e Onda Curta recibiron a comunicación da desaparición destes espazos da grella. Se ben os ruxerruxes sobre esta posíbel mudanza eran continuos dende o cambio de goberno, a decisión definitiva foi coñecida agora co deseño da programación especial de Nadal.

Miraxes, porta aberta á cultura
Segundo reza a propia web da TVG, Miraxes ofrecía unha ampla visión da nosa cultura e das correntes máis anovadoras, con entrevistas aos seus protagonistas e mostras dos seus traballos. Asemade, contaba con sección de reportaxes, axenda de actualidade, cine ou música e aposta por temas como as novas tecnoloxías, o feminismo, a xeración da República, o medio natural, a cultura gai, a lusofonía ou a nova música galega. Agora, os seus redactores xa recibiron a carta de despedimento.

En concreto, o vindeiro domingo 20 de decembro emitirase o último programa. No penúltimo están a traballar xa os seus responsábeis, un espazo que contará cunha entrevista a Roxelio Groba, un dos pais da música galega; un achegamento á obra teatral "Shakespeare para ignorantes" con Kiko Cadaval e Mofa e Befa ou a interpretación musical do grupo Cró de Vigo. Dende a rede, xa se artellaron diferentes grupos de apoio que lamentan a desaparición de Miraxes. En concreto, no Facebook o grupo "Contra a supresión de Miraxes da TVG" xa conta con case 200 membros.

Libro Aberto e Onda Curta
Mentres, a derradeira emisión de Libro Aberto será o martes 15 de decembro. De feito, xa non hai previsión de máis gravacións, logo do descanso de dúas semanas por mor da programación de Nadal. Neste espazo, Manolo Romón presentaba as novidades editoriais galegas. O programa, segundo a web da TVG, tiña por obxecto contribuír o fomento da lectura e apoiar o traballo dos escritores.

Doutra banda, Onda Curta emitirá o seu último programa o vindeiro luns 14 de decembro. Este espazo amosaba as creacións dos cineastas galegos, con especial atención aos novos talentos e aos realizadores galegos quen, á súa vez, recibían un pago pola emisión das súas cintas. Deste xeito, o programa contribuía economicamente ao audiovisual galego.

Outros programas
Os cambios e a supresión de determinados contidos da grella da televisión e da radio públicas galegas comezaron coa chegada de Feijoo á presidencia da Xunta. Logo da retirada de Aberto por Reformas ou de Banda Curta a programación do ente público recibiu xa numerosas críticas polo que, dende algúns sectores, entenden como un desmantelamento dos espazos que contribúen a prestixiar a nosa cultura.

Queda por ver agora cal será o futuro da programación cultural e que pasará con algúns espazos que se manteñen. Por exemplo, tamén se prevé a reestruturación de Planeta Cine, que pasará a emitirse pola segunda canle da TVG. Nada se sabe de momento doutros espazos como Alalá, Doa a doa ou Cifras e letras.


Ligazóns

1,36/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O último programa de Miraxes emitirase o vindeiro 20 de decembro
O último programa de Miraxes emitirase o vindeiro 20 de decembro
Libro Aberto emitirá o seu último programa o 15 de decembro
Libro Aberto emitirá o seu último programa o 15 de decembro
No caso de Onda Curta, o último programa será o próximo luns 14 de decembro
No caso de Onda Curta, o último programa será o próximo luns 14 de decembro