Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
BRUXELAS ALERTA

Suspenso para o sistema educativo español

Incumpre todos os obxectivos que se marcou a Unión Europea para 2010 e empeora en cuestións claves como as taxas de abandono escolar ou o nivel de comprensión lectora.

Redacción - 09:30 26/11/2009
O sistema educativo español dista moito dos obxectivos europeos

O sistema educativo español dista moito dos obxectivos europeos

A Comisión Europea acaba de dar un pau á política de ensino do Estado Español. Segundo o seu último informe, o actual sistema educativo incumpre todos os obxectivos que se marcou a UE para o ano 2010. É máis, o documento revela que mesmo empeora en cuestións importantes, como as taxas de abandono escolar ou o nivel de comprensión lectora.

Obxectivos previstos
Bruxelas marcou cinco obxectivos en materia de educación que deberían acadarse, como moi tarde, en 2010: situar a taxa de abandono escolar por debaixo do 10%; reducir a menos dun 20% a porcentaxe de alumnos con problemas de comprensión na lectura; lograr que, polo menos, o 85% dos mozos completen a educación secundaria; aumentar nun 15% o número de diplomados en matemáticas, ciencias e tecnolóxicas; e conseguir que o 12,5% da poboación adulta participe en formación continua. No Estado Español non se cumprirá ningún destes cinco retos.

Incumprimentos manifestos
No caso do abandono escolar, non só non se conseguiu reducir a taxa de abandono, senón que mesmo aumentou do 29,1% (no ano 2000) até o 31,9% (en 2008). Hai que ter en conta que a media europea é do 14,9% e que só Malta (39%) e Portugal (35,4%) rexistraron peores resultados. Os mellores son Polonia (5%), Eslovenia (5,1%) e República Checa (5,6%).

No referente á comprensión da lectura, a taxa de alumnos de 15 anos con problemas aumentou do 16,3% ao 25,7% (en 2006), cando a media comunitaria é do 24,1%. Teñen resultados peores Romanía (53,5%) e Bulgaria (51,1%) e os mellores serían Finlandia (4,8%) e Irlanda (12,1%).

No terceiro dos obxectivos, só o 60% dos mozos de 22 anos completaron a educación secundaria non obrigatoria (datos de 2008), moi por debaixo a media comunitaria do 78,5%. Ademais, a porcentaxe descendeu dende o 66% (en 2000) e converte ao Estado Español no terceiro da UE con peores resultados neste punto.

Doutra banda, o informe destaca que se conseguiron "avances" no número de licenciados en carreiras das áreas de matemáticas, ciencia e tecnoloxía, mais actualmente a proporción é do 12%, tres puntos menos que o obxectivo e menos da metade da media europea (34%). Finalmente, só o 10% dos cidadáns de entre 24 e 64 anos participan en actividades de formación complementarias, é dicir, 2,5 puntos por debaixo do obxectivo para 2010.

O informe de Bruxelas evidencia ademais que a inversión pública en educación (4,28% do PIB en 2006) está por debaixo da media comunitaria (5,05%), ademais de permanecer estancada nos últimos anos. Os líderes neste eido son Dinamarca (8%), Suecia (6,85%) e Finlandia (6,14%).


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: