Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Rifa parlamentaria

Os cambaleos co plan hidrolóxico fan ventar máis furados nos ríos

A Xunta promete axilizar o proxecto para a "correcta xestión" das augas do país. Os socialistas ven "desculpas que agochan próximas tropelías co medio ambiente".

Redacción - 18:45 25/11/2009

Será o próximo Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa o marco legal que estabeleza a regulación e coordinación de accións para a xestión das augas do país, a protección da súa calidade, racionalización de recursos e usos "en harmonía co medio ambiente e cos demais recursos naturais". Xa que logo, será o Plan de referencia das condicións baixo as que se poderán autorizar novas concesións hidroeléctricas ou a súa denegación. Así o sinalou este mesmo mércores Agustín Hernández, conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Así e todo, e malia a importancia do Plan, admitiu o conselleiro que non se prevé que o proceso de deseño deste plan sectorial remate a curto prazo e revelou que o Goberno decidiu pospoñer a revisión do documento vixente, o Plan Sectorial Hidroeléctrico de 2002, modificación avanzada durante a anterior lexislatura. Xustificou Hernández que a información non actualizada contida nese Plan Sectorial Hidroeléctrico "ocasiona contradicións cos avances do Plan Hidrolóxico de Conca de Galicia-Costa". Insistiu o conselleiro na necesidade dunha "completa reformulación" que "corrixa carencias e deficiencias".

Segundo o responsábel da Consellaría de Medio Ambiente, as alegacións e escritos recibidos á luz do proceso iniciado polo executivo anterior recomendaban frear o proceso e "reformulalo". Argumentou Agustín Hernández a falta dunha análise previa exhaustiva do sector hidroeléctrico; dun inventario das instalacións existentes, a non avaliación da repercusión do sector dende o punto de vista social e económico; "e a falta dunha consideración ambiental en relación ao estado destas instalacións". Ao fío, prometeu que as directrices que do novo proceso saian "terán un carácter altamente restritivo" no que se refire ao outorgamento de novas concesións de uso do dominio público hidráulico.

O PSdeG agoira "novas tropelías"
A voceira en materia de Medio Ambiente do grupo parlamentario do PsdeG, Carme Gallego, foi belixerante ao respecto das promesas do conselleiro. Na súa opinión a paralización da revisión en marcha do plan hidroeléctrico tería "a clara intencionalidade de dar novos aproveitamentos nos ríos galegos".

Na súa interpelación parlamentaria, a deputada socialista subliñou que se acadou "claramente" o límite de minicentrais nos ríos do país e esixiu da Xunta que o plan sectorial fixe un criterio restritivo sobre as novas explotacións. "Estamos moi preocupados porque a Xunta uns días di que haberá novas concesións hidroeléctricas e outros que non", criticou. Recordou Carme Gallego que este plan debera ser rematado neste último trimestre de 2009 e agoirou que a súa paralización indica que "o medio ambiente xa non é unha prioridade política para o goberno de Galiza".

Insistiu Gallego en que o Goberno debera comprometerse a desbotar todos os aproveitamentos hidroeléctricos paralizados polo anterior executivo "polo incumprimento das normas ambientais". Lembrou que moitas das concesións foran aprobadas co goberno de Manuel Fraga en funcións "e mesmo na toma de posesión dos novos conselleiros, como foi o caso dos ríos Deza, Ulla, Brandelos, Barcés ou Landro".


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: