Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Rifa parlamentaria sobre a prestación de servizos

Escaseza de recursos e melloras pendentes na atención á igualdade

Administracións, sindicatos, partidos, e colectivos sociais subliñan propostas e prioridades aproveitando este mércores o Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.

Redacción - 09:30 25/11/2009
Cartaz da artista Sabela Arias para a Marcha Mundial das Mulleres

Cartaz da artista Sabela Arias para a Marcha Mundial das Mulleres

"Non debemos quedarnos só na reprobación das condutas violentas, senón rexeitar tamén a indiferenza, ignorancia ou tolerancia que ás veces as rodean, xa que indirectamente favorecen o mantemento dunha situación de desigualdade e discriminación non tolerable nunha sociedade avanzada e democrática como a nosa", expón o Goberno na súa declaración institucional para este 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia Contra as Mulleres.

No Parlamento, e na véspera desta xornada, debatíase unha moción do BNG que propoñía axilizar o desenvolvemento de medidas concretas incluídas na Lei Galega para a Prevención e Tratamento Integral da Violencia de Xénero. O PP votaba en contra e acusaba o Bloque de pretender que o desenvolvemento da lei "se centrara só nalgúns aspectos e impoñendo modelos concretos do seu programa electoral". Á súa vez, os nacionalistas aproveitaban para censurar a redución de recursos e paralización de iniciativas relacionadas coa atención á muller desde a chegada do PPdeG ao poder neste 2009. Desde o PSdeG insistían no "moito que queda por facer" e reclamaban "un pulo importante da administración" para desenvolverse "na súa totalidade" a citada lei.

Desde o ámbito sindical, Comisións Obreiras presenta un estudo onde debulla, entre outros, o paradoxo de que entidades sociais do país estean poñendo da súa parte "máis medios asistencias que os diferentes concellos ou a propia Xunta. "Sobre todo no que lle toca a prazas en centros de protección a maltratadas ou en vivendas tuteladas", reprochan. A UXT destaca a educación en igualdade como "eixo prioritario" e salienta tamén a denuncia da escaseza de prazas de acollida para mulleres maltratadas e avogan pola fórmula dos pisos tutelados. Desde a CIG, subliñan que, alén da violencia sexista nos fogares, é importante combater "estruturas e valores patriarcais que perpetúan e consolidan a violencia sexista no plano social e laboral".


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: