Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CAMPAÑA 25 NOVEMBRO

CIG Muller: "Non deixes que che pasen por riba"

O sindicato denuncia os recortes orzamentarios en todos os capítulos relacionados coa muller e reclama unha mudanza do modelo de relacións laborais transformando tamén as sociais.

Redacción - 19:35 24/11/2009
Para a CIG esta loita "non se cingue a unha única data, senón que se estende ao longo de todo o ano"

Para a CIG esta loita "non se cingue a unha única data, senón que se estende ao longo de todo o ano"

"Dille NON á violencia de xénero! Non deixes que che pasen por riba". Este é o lema baixo o que a CIG conmemora o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Con esta campaña, que non queren cinguir exclusivamente a esta data, queren chamar a atención sobre a "imprescindíbel mudanza do actual modelo, tanto no plano laboral como social e, nomeadamente as estruturas e valores patriarcais que perpetúan e consolidan na sociedade a violencia sexista".

Así, Margarida Corral Sánchez, secretaria confederal de Muller e Mocidade da CIG explica que "a violencia non se limita á que exercen as parellas, familiares e veciños, senón tamén a violencia no traballo, tanto na súa modalidade física e psicolóxica, incluíndo por tanto o acoso laboral e sexual, así como as discriminacións laborais que teñen como vítimas ás mulleres".

Recortes orzamentarios
Neste día, dende a CIG lamentan o descenso de gasto adicado a temas relacionados coa muller, o que "constata o escaso interese que suscita no Goberno este asunto", din. "Cae fortemente o programa de apoio a conciliación da vida laboral e persoal (un 82,3%), pasando de 5,1 a 0,9 millóns; tamén nas accións para a igualdade, protección e promoción da muller hai un descenso dun 89,4%, pasando de 31,2 a 8,3 millóns". Explica que, se ben o único que medra é o apoio ás mulleres que sofren violencia de xénero, de 2,8 a 3,3 millóns, "Galiza conta só con 100 prazas públicas destinadas á acollida de mulleres vítimas de violencia de xénero".

Finalmente, entenden que hai que actuar sobre os factores socio-culturais que xustifican a desigualdade entre a muller e o home: "a socialización sexista das nosas crianzas, a división sexual do traballo, a inexistencia dunha conciliación da vida privada e a actividade profesional, a infrarrepresentación das mulleres na toma de decisións, a invisibilización das mulleres no espazo público, todas as formas de violencia de xénero ou as dificultades para compatibilizar a saúde reprodutiva co traballo".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: