Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Portal institucional

A Xunta estrea unha web nova mais non máis aberta

A información perde protagonismo en favor das ligazóns a outras webs da Administración, mentres se evita o uso de licenzas libres.

Redacción - 13:00 16/11/2009

A Xunta de Galicia acaba de poñer en marcha a súa nova páxina web nunha "versión inicial" e para estrear o proxecto 'Galicia na rede', que pretende estabelecer un novo modelo de presenza do Goberno na internet.

O primeiro cambio visíbel é que no portal perde protagonismo a información. Xa só se destacan seis das últimas notas de prensa, mentres que se engade unha sección con novas sobre o ano xacobeo. Tamén se pretende ofrecer acceso a todas as outras páxinas web que dependen do Goberno. Como acontece con moitas reformas, faise complicado atopar as seccións que antes se podían coñecer case de memoria.

En calquera caso, inclúese unha enquisa para que as persoas usuarias ofrezan as súas achegas para mellorar o portal. Aí remata a parte participativa da web. Perdeuse a oportunidade de "abrir" a páxina á cidadanía. Ao contrario do que marcan as últimas tendencias, e podemos apreciar na páxina da Casa Branca, por exemplo, non se ofrece a posibilidade de compartir contidos. Tampouco se emprega unha licenza Creative Commons, e óptase polo restritivo copyright tradicional.

En canto á accesibilidade, aínda que no seu aviso legal informa de que é o seu obxectivo ofrecer unha web accesíbel, o certo é que non inclúe ningunha icona nin ligazón que confirme que supera as probas de accesibilidade, e de feito non acada o aprobado en ningunha delas.

A web anterior empregaba un xestor de contidos de código aberto. Non está claro se é o caso da nova Xunta.es, que parece usar o Liferay, que dispón dunha versión aberta e outra comercial.

Si se lle prestou unha atención especial ao bilingüismo. De feito, a versión en castelán ten traducidos todos os encabezados -non así a información actualizada, que só se presenta en galego-, e nalgúns casos os textos alternativos están exclusivamente en castelán. Unha boa mostra disto foi a mensaxe de erro que se podía ler o luns pola mañá.


3/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: