Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MIGUEL ANXO MALVIDO, CIG-METAL

"A votación para o preacordo do metal é pura comedia"

CCOO e UXT adiantan que máis do 80% dos traballadores apoian o novo convenio colectivo, mais a CIG denuncia que é a propia organización a encargada do escrutinio.

Isabel G. Couso - 13:45 27/10/2009
A unidade sindical estivo na corda frouxa durante toda a negociación

A unidade sindical estivo na corda frouxa durante toda a negociación

"Pura comedia e unha farsa". Así cualifica Miguel Anxo Malvido, da CIG-Metal a votación para o preacordo do metal que, previamente, xa asinaron os sindicatos CCOO e UXT. "O habitual en todo tipo de negociacións coa patronal é que se especifique que o acordo queda pendente de ratificación polos traballadores, mais neste caso non foi así", explica, "estas forzas sindicais asinaron o convenio e agora queren darlle visos de unanimidade con esta votación".

Malvido incide en que este escrutinio carece de todo tipo de representatividade e non é vinculante: "os propios organizadores son os encargados de contabilizar os resultados, sen ningún tipo de vixilancia externa". Pola súa parte, CCOO e UXT xa adiantaron que o 80,5% dos traballadores que xa votaron (están estipulados tres días de votacións) amosaron o seu apoio ao convenio e consideran que o escrutinio "é perfectamente representativo e extrapolábel".

Discrepancias
O metal dá traballo na provincia de Pontevedra a un total de 20 mil traballadores que se distribúen en máis de dous milleiros de empresas. O preacordo, apoiado e, segundo a CIG, cociñado por UXT e CCOO, contempla un incremento salarial do 2,5% para este ano, o IPC máis o 1,5% para o segundo ano e o IPC máis o 1,25% o terceiro ano.

Pola súa parte, a CIG nunca estivo disposta a asinar un acordo que superase o ano de vigor e non contemplaba opcións que estivesen por baixo dunha suba salarial do 3% inicial. A cuestión é que esta oferta feita polos mediadores xa estaba sobre a mesa o pasado xuño, cando foi rexeitada unanimemente polos tres sindicatos: "non entendemos porque agora dan o visto bo a unha proposta que antes rexeitaron e preguntámonos por que non nos aforramos logo unha semana de mobilizacións na rúa se agora aceptan isto?", di Malvido.

"Con todo, independentemente dos resultados que saian das votacións desta semana, o convenio apoiado por CCOO e UXT é xa unha realidade. Estas formacións contan, conxuntamente, coa representación do 52% dos traballadores do sector. Mentres, a CIG, malia ser maioritaria (48%), quedou sen marxe de manobra.

"A tranquilidade non está garantida"
"Os traballadores quedamos moi queimados logo de sete meses de conflito, folgas e mobilizacións na rúa", di Malvido, "e non prevemos máis movementos polo de agora". Mais, o líder sindical vaticina uns anos moi movidos no sector do metal: "evidentemente volveremos á rúa cando sexa necesario e un convenio a tres anos non non garante a estabilidade, máis ben todo o contrario porque o que estamos facendo é hipotecar o noso futuro, cando non sabemos cal pode ser a evolución da situación económica".


3,67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: