Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONSTRUCIÓN

Inxección de 600 millóns de euros para a vivenda

Feijoo asegura que estas axudas xerarán un volume de negocio de tres mil millóns até o 2015 e que permitirá a cualificación de 50 mil novas vivendas como protexidas.

Redacción - 18:20 22/10/2009

Unha aposta polo sector da construción. Así definiu Alberto Núñez Feijoo a inxección de 600 millóns de euros que destinará o Goberno ao denominado Plan de Vivenda 2009-12 aprobado no Consello da Xunta deste xoves. "Somos sensíbeis ao parón neste sector", dixo, "e por iso queremos incentivar a venda de vivendas".

Catalogación de vivendas como protexidas
Este decreto prevé que máis de 50 mil vivendas pasen a constar como protexidas. As dúas innovacións que contén son: dunha banda, que permite cualificar como protexidas vivendas individuais en edificios xa construídos, "sempre e cando o prezo e a superficie estea dentro do catálogo de vivenda pública protexida"; da outra, que se permite catalogar como protexidos os inmóbeis rematados como mínimo dende hai un ano en calquera cidade ou edificio.

Segundo o presidente da Xunta, este é "un paso adiante" que permitirá xerar un volume de negocio de tres mil millóns de euros e a creación de 40 mil novos postos de traballo.

Axudas ás familias
O Plan levará canda si tamén subvencións de entre sete mil e 10 mil euros para as familias que teñan unha renda inferior a 2,5 veces o Iprem (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples). Terán dereito ademais a estas axudas os menores de 35 anos, as familias numerosas, as monoparentais, ou as persoas dependentes ou con algún tipo de discapacidade.

En calquera caso recóllese unha axuda de dous mil euros, acumulábeis cando o comprador se atope en máis dunha das citadas circunstancias. Esta cantidade estabelecida pola Xunta é compatíbel coas financiadas polo Ministerio de Vivenda, pero xestionarase a través da Xunta. Poden acadar un máximo de oito mil euros para todos os compradores de vivenda protexida con ingresos que non superen 2,5 veces o Iprem.

Consello da Xunta en Ourense
Doutra banda, Feijoo anunciou ao remate do Consello que a Xunta, que se celebraba en Ourense, subvencionará entre un 20 e un 50% os proxectos empresariais que arrinquen nesta provincia. Quixo así ratificar o compromiso do Goberno co "interior do interior" e reivindicou a necesaria "corrección das desigualdades económicas" que sofre con respecto á franxa atlántica.


Ligazóns

1/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: