Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Illas Atlánticas

A Universidade de Vigo prepara un sistema automatizado de control de especies invasoras

Un dispositivo montado nun ultralixeiro analizará a extensión de catro plantas foráneas que están a invadir o parque natural.

Redacción - 17:10 21/10/2009

Un equipo da Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal da Universidade de Vigo vai poñer en marcha un sistema de teledetección con espectroscopia de imaxe para detectar especies invasoras que ameazan a riqueza vexetal das Illas Atlánticas.

Segundo explicou a directora do proxecto, María Calviño, ao Diario da Universidade de Vigo (Duvi), empregaranse imaxes hiperespectrais. Entre as especies consideradas invasoras están a acacia negra, de orixe australiana; a margarida africana, e o chuchamel e a unlla de gato, procedentes de Suráfrica.

Calviño afirma que estas catro especies, que se estudarán nun primeiro momento, están "bastante estendidas e representan casos diferentes á hora de validar a tecnoloxía e estudar as súas limitacións". Así, a acacia negra esparéxese por zonas forestais, producindo gran cantidade de sementes que poden permanecer viábeis durante moito tempo. Pola súa parte, o chuchamel esténdese polos prados, zonas de cultivo e adoita "viaxar" na terra que vai con outras plantas, mentres que a margarida africana prolifera nas praias. A unlla de gato aparece tamén nos acantilados. O equipo da Universidade de Vigo non descarta que, co tempo, se estuden outras especies.

O equipo está a probar un dispositivo desenvolvido na ETS de Enxeñaría de Telecomunicación que se integra nun ultralixeiro. O aparello, creado por un grupo dirixido polo profesor Xulio Martín Herrero, identifica cada obxecto pola súa interacción coa luz segundo os seus materiais, forma e estrutura da superficie, cun espectro que vai do ultravioleta ao infravermello.

O obxectivo é desenvolver técnicas de detección das especies e estudar até que punto a tecnoloxía permite controlar a extensión das especies invasoras. A investigación iniciouse en decembro de 2008 e conta cun orzamento de máis de 70 mil euros. Acaba de rematar a primeira fase de integración do sensor e da realización das probas de voo.


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: