Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A sociedade rusa, dividida

Comeza o xuízo por calumnias a Stalin

Un seu neto demandou o xornal 'Novaya Gazeta' por un artigo en que afirmaban que o ex líder soviético asinara persoalmente milleiros de execucións.

Redacción - 09:45 10/10/2009

A primeira vista do xuízo por calumnias contra Iosef Stalin comezou esta quinta feira nun tribunal moscovita. O demandante é un seu neto, Yevgeny Dzhugashvili, de 73 anos, oficial das forzas aéreas retirado, que solicita unha indemnización ao Novaya Gazeta e ao xornalista autor dun artigo onde se afirmaba que o ex líder soviético asinara persoalmente milleiros de execucións.

O texto, publicado o pasado 22 de abril e asinado por Anatoly Yablokov, baseábase en información desclasificada, onde supostamente aparecía a sinatura de Stalin en varios destes documentos, entregados posteriormente ao xefe da policía secreta Lavrenti Beria.

A figura de Stalin está a rexurdir na sociedade rusa nos últimos tempos. A principios deste ano, resultou ser a terceira persoa mellor valorada na historia de Rusia polos seus compatriotas nunha votación televisiva. Unha placa co seu nome nunha estación do metro de Moscú, retirada hai décadas, foi recentemente restaurada no seu lugar.

Porén, grupos en defensa dos dereitos humanos veno doutro xeito. Segundo os datos manexados por Memorial, Stalin ordenou a morte de canto menos 724 mil cidadáns durante unha serie de purgas levadas a cabo a finais da década de 1930. Tamén Mikhail Gorbachev denunciou os esforzos das Autoridades rusas por retratalo como un "xestor brillante" e non como un "asasino autócrata".

Na sala do xulgado, informan axencias internacionais, un grupo de persoas de idade avanzada mostraban a súa solidariedade co ex líder soviético. Nina Vlasenko, de 78 anos, afirmou: "Se non fose por Stalin, non teriamos gañado a guerra. Toda Europa estaba baixo a bota de Hitler. E agora compara hitlerismo e estalinismo. Stalin non atacou ninguén, liberounos.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: