Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN APLICACIÓN DA LEI D'HONDT

O BNG queda fóra do Consello de Contas

Os votos de PSdeG e PPdeG foron suficientes para que os seus candidatos, Ramón Núñez Gamallo e Xosé Antonio Orza pasen a formar parte de órgano fiscalizador.

Redacción - 13:00 22/09/2009
Ramón Núñez Gamallo, profesor de Economía Aplicada, é un dos novos membros do Consello, a proposta do PSdeG

Ramón Núñez Gamallo, profesor de Economía Aplicada, é un dos novos membros do Consello, a proposta do PSdeG

A xornada no Parlamento transcorreu segundo o previsto. A renovación dos membros do Consello de Contas, composto por cinco persoas que se elixen para seis anos, culminouse coa incorporación dos candidatos do PSdeG, Ramón Xosé Núñez, e do PPdeG, Xosé Antonio Orza. Así, os nacionalistas deixarán de ter representación neste órgano fiscalizador, cousa que si sucedería de aplicarse na votación un sistema de proporcionalidade directa, tal e como defendía o BNG.

Porén, a aplicación da Lei D'Hondt deparou a elección con 60 votos do ex conselleiro de Economía con Manuel Fraga Xosé Antonio Orza, e do profesor de Economía Aplicada na Universidade da Coruña, Ramón Núñez Gamallo. Así, populares e socialistas escenificaron o seu pacto para a renovación do Consello e defenderon o "cumprimento estrito" e a "normalidade" do procedemento. Ao remate da xornada, este órgano queda composto por tres representantes elixidos a proposta do PpdeG e dous do PSdeG.

Acusacións de pacto ilexítimo
O BNG, malia recoñecer a lexitimidade do acordo entre populares e socialistas, lamentou ser "excluído" do Consello de Contas. O seu portavoz, Carlos Aymerich, denunciou o pacto, que cualificou de ilexítimo e defendeu que aos nacionalistas lles correspondía un posto neste órgano polo sistema de proporcionalidade puro.

De todos os xeitos, Aymerich dixo agardar que esta decisión "non inflúa" na actividade fiscalizadora do Consello, que ten pendente avaliar a xestión do bipartito. Pola súa parte, o portavoz popular, Manuel Ruiz Rivas, recordou que na votación se cumpriu o regulamento e subliñou que o seu grupo "deu cumprimento ás normas en base á responsabilidade". Esa tese foi referendada polo voceiro socialista, Xaquín Fernández Leiceaga, quen destacou a "solvencia e rigor" do proceso seguido na votación.


Ligazóns

1/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: