Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Usan Galiza en clave partidista", acusa

"Hai unha parálise absoluta e non hai austeridade ningunha", zóupalle Vázquez a Feijoo

O secretario xeral do PSdeG opina que o PP "esixe en Madrid os servizos que "paraliza en Galiza" e censura a "dobre vara de medir" dos populares.

Europa Press - 09:30 30/08/2009

O secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, criticou este sábado que o PPdeG "esixe en Madrid" as obras, iniciativas sanitarias, educativas e sociais que asegurou "que paraliza en Galiza", polo que censurou a "dobre vara de medir" da formación á fronte da Xunta. Durante a súa participación na festa socialista de Mos, onde celebrou o inicio do novo curso político, Vázquez advertiulle ao presidente do Executivo, Alberto Núñez Feijoo, e ao líder estatal dos populares, Mariano Rajoy, que o seu partido "non vai tolerar que utilicen Galiza en clave partidista en función dos seus intereses".

En declaracións aos medios, denunciou a "dobre vara de medir do PP segundo fale para Madrid ou para Galiza", e atribuíuna a unha "axenda oculta". "Cando é oposición reclama e esixe ao Goberno; pero, cando chega a gobernar, recorta dereitos e servizos, tal e como está a acontecer en Galiza", engadiu. Por iso, reclamoulle "que deixe de atacar a Galiza e de recortar dereitos aos galegos", e contrastou esta actitude coa do PSdeG, que indicou que realizará un traballo "de base social" e "pegado aos cidadáns e ás familias". Neste sentido, asegurou que "nin o PSOE, nin o PSdeG van facer nunca partidismo con Galiza", tras o que comprometeu a defensa dos cidadáns "que quedaron sen a gratuidade dos libros de texto e están nas listas de espera cirúrxica deste país".

"Ideoloxías ultraconservadoras"
"Feijoo deixou sen amparo aos sectores sociais máis necesitados deste país proseguiu e as necesidades son cada vez maiores", dixo Vázquez. Nesta liña, criticou que "mentres prima ideoloxías ultraconservadoras e do Opus, os cidadáns ven como se recortan os seus dereitos en aras dunha mal chamada austeridade".

A maiores, reprobou que, malia o compromiso de austeridade, o Goberno "está a gastar máis que o anterior". "E enriba, hai unha parálise absoluta", sentenciou o secretario xeral dos socialistas. Para Vázquez, "se es do Opus Dei, da Red Madre ou dalgún colectivo ultraconservador, este goberno ábreche novas vías de financiamento". Desta forma, fixo referencia ás axudas a colexios que segregan por sexo e a colectivos antiabortistas.

Coa súa asistencia á festa do PSdeG en Mos, Vázquez reafirmou o apoio da directiva do partido aos grupos municipais e agrupacións locais, ao tempo que condenou "a corrupción do PP e a compra de tránsfugas, no caso de Mos, por parte de Rafael Louzán --presidente provincial dos populares".


3.5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: