Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cálculos da C. de Facenda sobre 2008 e 2009

O goberno español reclamaralle á Xunta 1.900 millóns de euros en anticipos

No conxunto do Estado, a ministra Salgado cifra para 2008 en 6 mil millóns a débeda dos gobernos autonómicos. A Xunta fala de desfases de 593 millóns en 2008 e 1.300 en 2009.

Redacción - 17:35 26/08/2009



O freo na actividade económica e a conseguinte redución nos ingresos vía impostos para a hucha pública orixinou unha elevada débeda das comunidades autónomas co goberno español, segundo destacou este mércores no Congreso a ministra de Economía e Facenda, Elena Salgado. Afirmou a ministra que feito o balance de 2008 e vistos os anticipos outorgados aos gobernos autonómicos en función das súas respectivas estimacións de ingresos, nese exercicio, o conxunto de autonomías suman unha débeda de 6 mil millóns de euros a mandar de volta ao ministerio.

Deses 6 mil millóns, a consellaría de Facenda subliña que á Xunta tócalle devolver un total de 596 millóns de euros. Pero a maiores, o departamento xestionado pola conselleira Marta Fernández Currás realizou tamén unha estimación da potencial débeda ao cabo deste ano 2009, concluíndo que serán arredor de 1.300 millóns. Xa que logo, un total aproximado de 1.900 millóns. O executivo estatal pedirá a execución da débeda a partir de 2011, permitindo fraccionar o pagamento ao longo dos catros anos seguintes.

Orzamento "electoralista", acusa a conselleira
Fernández Currás acusou o Estado de ter elaborado uns orzamentos "electoralistas e sen rigor", introducindo previsións de recadación tributaria "moi superiores ás que aconsellaba xa daquela o deterioro da situación económica". Para a conselleira as contas públicas de 2008 foron elaboradas "de forma deficiente e interesada".

"Pola súa irresponsabilidade e falso optimismo nas contas a comunidade autónoma ten que devolver 1.900 millóns de euros ao Estado nos próximos anos", avanzaba xa a comezos deste mes de agosto Manuel Ruíz Rivas, voceiro parlamentario do PPdeG. Ruíz Rivas recordaba ao tempo a denuncia do seu partido sobre o presunto "burato orzamentario de 1.200 millóns" atribuído polos populares ao bipartito. Os populares acusan o goberno español de realizar unha errada previsión de crecemento e ao bipartito de ampliar incluso o optimismo da previsión.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: