Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Derrogación do decreto eólico

Quintana acusa a Feijoo de "tirar pola borda 8.000 empregos"

O ex vicepresidente da Xunta considera que o PP bota abaixo o decreto "só para favorecer intereses de empresas poderosas de amigos do PP".

Europa Press - 10:45 07/08/2009

O ex vicepresidente da Xunta e presidente do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos, Anxo Quintana, reprobou que o equipo de Alberto Núñez Feijoo anule o concurso eólico promovido polo bipartito porque cre que supón "tirar pola borda 8.000 postos de traballo" que se ían xerar cos plans industriais asociados, coa finalidade de "volver á designación a dedo".

Quintana, que co anterior goberno bipartito foi o encargado de presentar a resolución dos proxectos admitidos a trámite, asegurou que o decreto eólico contaba "con todas as bendicións xurídicas da asesoría da Xunta". Por iso, alertou de que coa decisión ratificada hoxe polo consello "Feijoo coloca a Galiza como "unha colonia bananeira".

En declaracións a Europa Press, reprobou que "agora non existe un mínimo principio de seguridade xurídica para o investimento privado" porque se reemprende a adxudicación de 2.300 megavatios. En opinión do ex vicepresidente nacionalista, a decisión do executivo de Feijoo suporá "custos ao erario público" porque, augurou, as empresas que resultaran beneficiadas están á espera de "decisións en firme" para recorrer aos tribunais. Preguntado acerca das garantías para que se levasen a cabo os proxectos industriais asociados, Quintana dixo que "se o goberno de Feijoo considerou que non eran suficientes, debería reforzalas e obrigar o seu cumprimento". "Pero tira pola borda un plan de emprego que supoñía crear máis de 8.000 postos de traballo en plena crise económica", insistiu.

"Satisfacer caprichos"
Así mesmo, ironizou con que o decreto eólico atentase contra a Constitución. "É inconstitucional unha participación pública, pero beneficiar a catro é constitucional", dixo. Ao seu xuízo, "só o fai para favorecer intereses de empresas poderosas amigas do PP".

O ex vicepresidente da Xunta defendeu o decreto eólico da anterior lexislatura e subliñou que "non era dunha consellaría, senón dun goberno autonómico", ao ser preguntado polas críticas que xerou a parte socialista do bipartito. "Feijoo dita unha resolución inxusta a sabendas e usa fondos públicos para satisfacer caprichos", concluíu.


4,75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: