Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Haberá informe antes de fin de ano

A Xunta acepta o mandato do Consello de Contas para revisar o modelo de administración paralela

Revisaranse os 150 organismos creados, na súa maior parte, durante os gobernos de Manuel Fraga, moitos popularmente coñecidos como "chiringuitos".

Redacción - 19:35 06/08/2009

Non necesariamente se tratará dunha supresión destes entes, xa que o último informe do Consello de Contas non fala estritamente dese estremo. De feito, o organismo fiscalizador chama a atención sobre o descontrol no funcionamento destes organismos e recomenda que, como chanzo previo, se elabore unha lei que defina, sistematice e regulamente o modelo de sector público do país.

O asunto levábao xa o bipartito na axenda para a anterior lexislatura mais, finalmente, algunhas das propias consellarías de socialistas e nacionalistas despregaron estruturas paralelas xustificándoas na necesidade de axilización e eficacia na xestión pública dos seus cometidos. Con todo, a maior parte da actual estrutura dos, mediaticamente e a pé de rúa bautizados moitas veces como chiringuitos, abrollou durante a longa etapa de Manuel Fraga á fronte da Xunta.

Promesa de "garantías de control público"
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, expuxo este xoves que na revisión a completar "antes de que remate o ano", o Goberno pretende definir cales destes organismos "son prescindíbeis" e cales poderían ser fusionados con outros ou mesmo ser directamente absorbidos pola administración xeral.

"Por suposto que haberá organismos que teñan que manterse, ou a necesidade de crear outros no futuro", advertiu o presidente. "Do que se trata é de que aquelo que non é necesario non lle custe diñeiro aos cidadáns; de que o que se poida facer con fondos públicos, con empregados públicos, non se externalice; que aquelo que sobra, non se financie", engadiu. Asegurou Feijoo que o traballo foi xa posto en marcha e que o levan adiante os departamentos de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e Facenda. "Trátase, en definitiva, de evitar duplicidades e de dotar de todas as garantías de control público a todo o diñeiro público que se manexa en calquera organismo", concluíu.


4,5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: