Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reforma do financiamento autonómico

Feijoo di que será "o último" en levantar da negociación e Vázquez promete "contactos" en Madrid

Na súa reunión deste mércores o presidente da Xunta e o líder do PSdeG aproximaron posicións no marco do "consenso" dos grupos parlamentarios.

Redacción - 19:00 08/07/2009

Inconcreta e insuficiente foron cualificativos nos que, na xuntanza deste mércores en Santiago, coincidiron ao respecto da proposta para a reforma do financiamento autonómico tanto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, como o secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez. Ambos os dous estiveron de acordo nas limitacións do borrador que manexa o goberno español e salientaron a necesidade de manter e reforzar o consenso entre os grupos parlamentarios en favor da mellora da proposta para Galiza. "Seremos os últimos en levantarnos", afirmou de xeito específico o presidente da Xunta e líder do PPdeG. Pola súa parte, o líder dos socialistas galegos prometía espremer os "contactos" cos membros do executivo socialista en Madrid para garantir que se "escoiten" as reclamacións das forzas políticas galegas.

Posición "sólida, tenaz e compacta"
Malia que aínda será este xoves cando Alberto Núñez Feijoo complete a súa rolda de contactos coa xuntanza co voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, o presidente anuncioulle este mércores ao representante socialista que na tarde desta mesma cuarta feira saía para Madrid o documento coas propostas concretas da Xunta en dirección á mesa da ministra de Economía e Facenda, Elena Salgado.

Asegurou Feijoo que lle achegan a Salgado números precisos sobre a ponderación da dispersión poboacional e o peso da emigración no financiamento. Ao fío, asegurou que na reunión con Manuel Vázquez ambos os dous estiveron de acordo na necesidade de manter unha postura "sólida, tenaz e compacta" ante o goberno español. "Estamos facendo reunións bilaterais sen papeis, negociando algo sen coñecer ese algo", queixouse Núñez Feijoo sobre as xuntanzas mantidas cos representantes do executivo estatal. "Hai só inconcrecións, e nesas inconcrecións o que soa, soa mal", engadiu, laiándose de que a poucos días dun "presunto Consello de Política Fiscal e Financeira", nas negociacións en marcha "ninguén ten papeis". "É a primeira vez que está a ocorrer isto, que ninguén teña papeis e que ninguén poida, en consecuencia, ter unha postura definitiva en relación con propostas descoñecidas", expuxo.



Ao respecto das necesidades de concreción Feijoo referiuse á necesidade de pasar dunha ponderación do 0.46% ao 1.2% na totalidade dos fondos, ademais de incluír o cálculo dos custos do avellentamento nos servizos sociais e na dependencia. Tamén explicou que se insistirá na "computación do 15% de poboación real que é a poboación emigrante". "Galiza ten o 27% da poboación de emigrantes de España", subliñou o presidente do Goberno. "Hai mil argumentos para que se incremente a participación de Galiza no financiamento, argumentos técnicos igual de sólidos que os do resto das comunidades autónomas, e eses argumentos técnicos son os que temos que por enriba da mesa", defendeu Feijoo.

"É o momento da concreción, a negociación e o acordo", di Vázquez

"As estimacións de reparto que hoxe circulan son insuficientes", advertiu o secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, ao respecto do debate, considerando en todo caso que "o camiño comeza a estar encarreirado". Para Vázquez é importante que o Goberno "non acepte calquera cousa" pero tamén que "non renuncie a asinar o acordo, un estremo que, avisou, "deixaría Galiza con reparto cero". Para o líder dos socialistas, un mes despois da resolución dos tres grupos parlamentarios, "hai tempo de acadar un acordo satisfactorio". Nese desafío, indicou que esta será "a semana clave" na negociación.

Na tarefa, Vázquez prometeu "lealdade desde as diferencias". Ao fío, valorou positivamente a intención da Xunta de deseñar un borrador con cifras estimativas para a negociación en función das necesidades do país, "aplicando coeficientes ao acordo asinado polas tres formacións políticas no Parlamento de Galicia hai xa case un mes". En concreto, reclamou a urxencia de consolidar e incrementar as variábeis específicas para Galiza, como son a dispersión, envellecemento e alta dependencia da poboación como peculiaridades que favorezan o país no reparto dos fondos.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: