Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Financiamento autonómico

Chaves asume o 7,1% que pide a Xunta e coincide en que é "inxusto" que só conte o criterio poboacional

"O noso obxectivo é conseguirmos a plena suficiencia financeira de Galiza. A nós non nos vale o café para todos", afirman dende o BNG.

Redacción - 19:35 30/06/2009
Chaves e Feijoo, este martes

Chaves e Feijoo, este martes

O vicepresidente terceiro do goberno español e ministro de Política Territorial, Manuel Chaves, asumiu este martes a demanda da Xunta para que Galiza reciba o 7,1% dos recursos dispoñíbeis no novo sistema de financiamento autonómico, e anunciou que "traballará" para "logralo".

"Faremos un esforzo para conseguir este obxectivo", garantiu Chaves, e recoñeceu que sería "inxusto" que só ponderase a "poboación" no deseño do novo modelo financeiro. Por iso, apostou por incluír os criterios de envellecemento, lingua, dispersión e envellecemento para fomentar "a igualdade", tal e como aprobaron por unanimidade este mes PPdeG, PSdeG e BNG.

Chaves fixo estas declaracións logo da xuntanza que mantivo en Compostela co presidente do Goberno, Alberto Núñez Feijoo. Ambos os dous mandatarios recoñeceron que houbo "un notábel índice de coincidencia". "Por primeira vez un encontro permite albergar esperanzas de poder chegar a un acordo", recoñeceu Feijoo

O presidente trasladoulle a Chaves a necesidade de que, no novo sistema financeiro, a dispersión pondere un 1,2% na repartición de todos os fondos, cando até o de agora só se aplicaba esta porcentaxe á metade dos recursos dispoñíbeis.

Con respecto ao envellecemento, non marcou ningunha porcentaxe, mais demandou que se estabelecesen até sete grupos de idade -dende o intervalo de 0 a 4 anos até o grupo de maiores de 75- para calcular con maior precisión o custo dos servizos e da repartición dos fondos en materia de servizos sociais e dependencia.

Preguntado por se Galiza mellorará o seu financiamento, Chaves comprometeuse a que "todas as comunidades van mellorar o seu financiamento con respecto ao que reciben na actualidade", e indicou que a data "de referencia" é o 15 de xullo, xa que antes se debe reunir o Consello de Política Fiscal e Financeira.

Por outra banda, en canto ao traspaso de competencias, ambos os dirixentes anunciaron que antes de setembro haberá unha reunión da comisión bilateral para "desbloquear" e "desatascar", segundo Chaves, as transferencias pendentes e para iniciar as negociacións sobre o traspaso doutras.

"Indefinición" de Feijoo, di o BNG

Pola súa banda, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, acusou a Feijoo de escudarse no "acordo xenérico" do Parlamento para "non cuantificar nin precisar o que quere Galiza".

"Feijoo non ten un papel protagonista neste debate sinxelamente pola súa indefinición. Se un non fai propostas concretas, corre o risco de simplemente non contar na negociación, fronte a outras comunidades autónomas que si están a dicir con concreción a que aspiran neste debate", indicou.

Segundo sinalou Vázquez, Feijoo aínda "non ten precisado que cantidade aspira a conseguir dos nove mil millóns de euros que di o Goberno central que pon sobre a mesa, nin sequera se ten manifestado ao respecto de se lle parecen suficientes ou non os nove mil millóns".

A este respecto, o BNG defende que é insuficiente. "Cando menos debería incrementarse até alcanzar os 15 mil millóns de euros", apuntou o portavoz nacional do BNG. "A cuestión central para o BNG é que Galiza avance na dirección de conseguir a plena suficiencia financeira", dixo.

Ademais, salientou que "o café para todos fiscal" -isto é, que se xeneralice a todas as comunidades autónomas unha mesma porcentaxe de cesión dos tributos estatais- "non serve para atender as necesidades específicas de Galiza". "Do que se trata é de garantir a igualdade de condicións non no punto de partida, senón no punto de chegada", concluíu.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: