Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Ás voltas co convenio na 14 xornada de folga

Nova xuntanza entre sindicatos e patronal do Metal sen sequera un avance

O único no que parecían estar de acordo as partes, a duración do convenio, volveu debaterse esta segunda feira en Vigo, sen chegaren a un acordo ámbalas dúas partes.

Redacción - 08:00 23/06/2009
Imaxe da mobilización desta segunda feira, na 14 xornada de folga / Imaxe: CIG

Imaxe da mobilización desta segunda feira, na 14 xornada de folga / Imaxe: CIG

Os sindicatos CIG, UXT e CCOO advertíronlle esta segunda feira á patronal que a oferta de convenio do sector metalúrxico para a provincia de Pontevedra, cunha vixencia de tres anos, terá que ter unha proposta económica poderosa para poder ser valorada.

As partes implicadas no conflito do sector reuníronse no predio administrativo da Xunta en Vigo, cando se cumprían 14 días de folga, con vistas a tentar acadar un acordo que sirva para pór fin aos paros, algo que non se conseguiu após máis de catro horas.

Así, o voceiro da parte empresarial, Enrique Mallón, lembrou que os dous puntos a tratar son a regulación de xornada e a subida salarial, sendo este último en aspecto que "máis separa" ás partes. Así, explicou que no encontro desta segunda explorouse a posibilidade" dun convenio a tres anos -até agora só se falou de dous anos-, cun incremento de 1,9% no primeiro ano, e do IPC máis 0,5 para o segundo e terceiro ano. Mallón tamén destacou que se chegou a propoñer subir ese medio punto en "algunha décima", aínda que "a repartir entre os dous anos". Con todo, lamentou que aos sindicatos non lles parecese "suficiente" a proposta, polo que asegurou descoñecer se se quere "prolongar esta agonía".

Os sindicatos piden un acordo económico substancioso, no caso de que o convenio dure tres anos
Neste sentido, o representante de UXT, Manuel Golpe, afirmou que na xuntanza "non houbo negociación", senón que máis ben houbo un "intercambio de criterios" e as partes coincidiron na necesidade de "dar saída ao conflito", o que agardou aconteza canto antes. Con todo, advertiu de que a oferta realizada pola patronal dun convenio a tres anos "terase que madurar", mentres que o voceiro da CIG, Miguel Anxo Malvido, advertiu de que deberá ser "importante" e "poderosa" para que "mereza a pena valorala".

Polo seu lado, o representante de CCOO, Ramón Sarmiento, reclamoulles aos empresarios que se poñan "na fase final" da negociación e non permanezan "coas cartas tan tapadas". Así, avogou por continuar as conversas e conseguir que a patronal "cambie" a actitude e "interiorice que nalgunha reunión desta semana hai que chegar a un acordo", o que desexou que ocorra canto antes mellor.

Sindicatos e patronal do Metal da provincia de Pontevedra vólvense reunir esta terza feira ás 16h30, tamén en Vigo. Ante a falta de acordo na última negociación, mantense a convocatoria de folga indefinida no sector, que se pretende que na quinta feira pase a ser xeral, estendéndose a todas as empresas, tamén as que contan cun convenio propio.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: