Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Movementos sociais

Vanse dous defensores das persoas desfavorecidas

A chilena Hortensia Bussi, viúva de Salvador Allende, e o cooperante na India Vicente Ferrer, morreron despois de nove décadas de activismo.

Redacción - 12:00 19/06/2009

Hortensia Bussi, a viúva do ex-presidente chileno Salvador Allende, morreu este xoves en Santiago de Chile aos 94 anos. Despois do asasinato do seu home no golpe militar de 1973, Bussi convertérase nunha figura relevante da esquerda chilena. Dende o seu exilio en México, Bussi participou de xeito activo nos movementos antipinochetistas.

O grupo socialista no parlamento chileno salientou nun comunicado a achega de Hortensia Bussi "na loita polo retorno da democracia" e expresoulle as súas condolencias á deputada Isabel Allende, vicepresidenta do Partido Socialista de Chile e filla de Bussi.

Os restos da activista serán trasladados o sábado ao mausoleo da familia no Cemiterio Xeral de Santiago. Bussi foi distinguida en moitas ocasións polos gobernos democráticos do seu país e recibiu galardóns internacionais, como o Premio Lenin da Paz e o Ana Betancourt, outorgado por Cuba. Tamén foi nomeada doutora honoris causa pola Universidade de Bruxelas. O derradeiro recoñecemento chegoulle en xullo de 2008, cando a presidenta de Chile, Michelle Bachelet, lle enviou unha carta co gallo do seu aniversario.

Vicente Ferrer
O cooperante Vicente Ferrer morreu a madrugada do xoves ao venres na súa casa en Anantapur (India) por un empeoramento dos problemas respiratorios e cardíacos que padeceu nos últimos meses, segundo informou un voceiro da súa Fundación. Tiña 89 anos.

Ferrer levaba máis de 55 anos na rexión, unha das máis pobres da India, traballando sobre o terreo para combater a pobreza e as desigualdades sociais. Vicente Ferrer chegou á India en 1952, onde puxo en marcha procedementos de abastecemento de auga, cultivos, construíu un hospital e escolas.

O goberno indio expulsouno en 1968 pero a presión social obrigou a readmitilo. Foi entón cando se instalou en Anantapur. Posteriormente abandonou a Compañía de Xesús e casou coa xornalista Anne Perry, sen deixar de sufrir o acoso político.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: