Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ESTATÍSTICA DO INE

Mercar unha casa, tarefa para atrevidos

A compravenda de vivendas caeu en abril un 34,48% en Galiza, con respecto ao mesmo mes do ano anterior.

Redacción - 11:30 16/06/2009
A caída da compravenda de vivenda é menos acusada en Galiza que no Estado Español

A caída da compravenda de vivenda é menos acusada en Galiza que no Estado Español

A contracción do gasto, a falta de confianza, as expectativas para un futuro con prezos aínda máis baixos... Os compoñentes do mercado da vivenda son moitos e moi variados, e ofrecen vías abertas a moitas interpretacións. O que non ofrece dúbidas é a estatística: a compravenda de vivendas segue a caer a mínimos históricos. O último dos datos ofreceuno este martes o Instituto Nacional de Estatística (INE), que depara un descenso de transaccións no mercado inmobiliario de até 34,48% en Galiza no mes de abril, comparado co mesmo mes de 2008.

Doutra banda, se a comparación a facemos co mes de marzo, a caída é máis moderada, mais segue a falar de descenso, neste caso dun 10,09%. Malia ser unha caída sensíbel, é menor que a do Estado Español, onde o número de operacións de compravenda de vivendas rexistrado en abril foi de 9.217, é dicir, un descenso do 47,6% con respecto aos datos de hai exactamente un ano (e do 16,3% con respecto a marzo).

De comprar vivenda, mellor nova
Os afoutos compradores de inmóbeis que, malia a crise, se atreven a dar o paso de investir nunha casa ou piso, optan preferibelmente pola obra nova. En total, no mes de abril transmitíronse en Galiza 10.096 fincas, 4.416 delas por compravenda. De ese total, 2.950 foron vivendas, 1.630 transmitidas en compravenda. Delas, o 93,55% (1.525) eran de tipo libre, mentres que o resto (105) eran protexidas; o 64,72% era vivenda nova (1.055) e o 35,28% de segunda man (575).

Así as cousas, a maior caída con respecto ao ano pasado deuse na vivenda protexida, que descendeu un 52,4%, fronte ao 32,7% da libre. Doutra banda, a compra de vivenda usada caeu en maior medida que a nova (un 41.26% fronte a un 30,08%).

Ourense, á cola
A Coruña foi a provincia que liderou o número de operacións, cun total de 1.345 vivendas transmitidas, 708 por compravenda. Séguelle Pontevedra (cun total de 915, das que foron compravendas 498), máis de lonxe Lugo (388 transmisións, 235 compravendas) e finalmente Ourense, con 302 vivendas transmitidas (498 por compravenda).


Ligazóns

2,5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: