Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
En 14 cabeceiras de comarca do país

Milleiros de gandeiros demandan solucións inmediatas para o sector do leite

Pediron "medidas de choque" contra a crise que afecta a saída da produción, e denunciaron a "pasividade" das administracións ante os seus problemas.

Redacción - 14:05 08/05/2009
Imaxe da manifestación central, desenvolvida na vila de Ordes

Imaxe da manifestación central, desenvolvida na vila de Ordes

Milleiros de gandeiros do país e profesionais vinculados ao sector -os sindicatos din que entre 20 e 40 mil-, reclamaron "medidas de choque inmediatas" para solucionar a crise do leite, porque de non se desenvolver, sinalaron, perderán "todo o que teñen". Convocados polos sindicatos Unións Agrarias (UUAA), Xóvenes Agricultores (XXAA), e o Sindicato Labrego Galego (SLG) e a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), denunciaron a "pasividade" das Administracións ante os problemas intrínsecos ao sector do leite no país, e convidaron os mandatarios a "repensar a política agraria", ante os constantes problemas endémicos que sofren.

Esparexidos por 14 comarcas do país (A Mariña, Meira, A Terra Chá, Sarria, Chantada, A Ulloa, Arzúa, Betanzos, Terra de Melide, Ordes, Xallas, Terra de Soneira, Tabeirós-Terra de Montes e Deza), marcaron o punto neurálxico das protestas na vila de Ordes, até onde se desprazaron, os secretarios xerais dos tres sindicatos agrarios, Carme Freire (SLG), Francisco Bello (XXAA) e Roberto García (UUAA); e onde marcharon en manifestación, para ler un comunicado a carón do Concello. Nesta vila, e noutras, os estabelecementos comerciais, de hostelaría e os servizos secundaron o paro, e apoiaron os gandeiros, pechando as súas portas a partir do mediodía, e asinando o manifesto coas principais reclamacións do secto: que as Administracións garantan un prezo que cubra os custos de produción dun litro de leite e o traballo dos gandeiros, así como medidas que freen as prácticas de dumping -coma vender leite de marca branca a moi baixo prezo-, e a "inundación" de materia leite foráneo. O que piden, finalmente, é unha axuda coma a que xa recibiron outros sectores produtivos no noso país.

"Se as cousas seguen así, imos ir á ruína completamente"
Ante os micrófonos da Radio Galega, Freire describiu as manifestacións como "un clamor cidadán" que apura os gobernantes "a actuar xa" porque, segundo dixo, "se as cousas continúan así, ímonos ver abocados a pechar as nosas explotacións e vender as vacas". Nesta liña, os sindicalistas recalcaron que esta é unha situación "que se repite continuamente", polo que demandaron unha "reforma das políticas agrarias".

No caso de non haber unha mudanza destas na vindeira semana, aseguraron que as mobilizacións se han ir incrementando, deica a tractorada convocada para o vindeiro día 26 de maio. Nesta liña, lembráronlle ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño (MARM), a ourensá Elena Espinosa, que xa transcorreron os 15 días de prazo comprometidos polo Ministerio para articular solucións desde a manifestación desenvolvida en Madrid o mes pasado.


5/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: