Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cruce de acusacións

O PSdeG di que non hai ideas para o Xacobeo, o PPdeG fala de "deberes sen facer" do bipartito

Os socialistas ven ausencia de iniciativas para o Ano Santo de 2010. O PP promete que a cita será "revulsivo económico" para o país.

Redacción - 19:00 05/05/2009

"Pasados dous meses desde a elección da actual Xunta carecemos de responsábeis en materia de turismo e carecemos de orientación sobre a política que a nova administración desexa desenvolver neste ámbito", láianse desde o PSdeG. A voceira en materia de Turismo do grupo parlamentario dos socialistas no Parlamento, María Quintas, achegou este xoves unha interpelación na que critica esa ausencia de "ideas" de xeito concreto no que lle toca a un dos desafíos a curto prazo, a celebración do Xacobeo 2010.

Opinan os socialistas que deberan comezar os traballos con tal fin xa que se trata dunha oportunidade de "subir un novo chanzo na capacidade de atracción turística" de Santiago de Compostela e o conxunto de Galiza. Por este motivo, instan a Consellaría de Cultura a efectuar os nomeamentos correspondentes aos responsábeis de Turismo e da Sociedade de Xestión do Xacobeo, e a que "presente a estratexia de colaboración posta en marcha co goberno español e o Concello de Santiago para acadar o éxito do evento, así como as accións realizadas para acadar a máxima promoción e mellor desenvolvemento deste acontecemento".

En resposta á interpelación, o voceiro do grupo parlamentario do PPdeG, Manuel Ruíz Rivas, entende que os socialistas galegos "entoan o seu particular mea culpa e admiten que o bipartito deixou sen facer os deberes preparatorios do Xacobeo 2010, entre outras tarefas pendentes". Ruíz Rivas dixo coincidir cos socialistas na avaliación da importancia do Xacobeo como revulsivo económico, "dada a capacidade deste tipo de eventos para atraer visitantes", pero afirmou lamentar que os socialistas "non se decataron desa realidade até o día de hoxe, logo de ter desaproveitado os últimos catro anos para a realización dos preparativos".


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: