Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ANTE A CRISE

A industria non toma o relevo da construción

A facturación e os pedidos caeron máis dun 30% en febreiro. Mentres, o prezo da vivenda descendeu outro 6% no último trimestre.

Redacción - 12:05 17/04/2009

As estatísticas que confirman a crítica situación económica e a súa difícil saída seguen día a día escurecendo o futuro. Este venres o Instituto Nacional de Estatística (INE) ofreceu os últimos datos da facturación e pedidos do sector industrial ao tempo que o Ministerio de Vivenda informou da caída dos prezos no sector inmobiliario e, en ningún caso, as cifras auguran unha pronta saída da crise.

A industria, en caída libre
A facturación caeu un 30,8% en febreiro con respecto ao mesmo mes do ano anterior, o que supón o segundo maior descenso de toda a serie histórica, iniciada en xaneiro de 2003. Segundo estes datos do INE, as entradas de pedidos experimentaron tamén un retroceso do 31,9%, o que equivale tamén a súa maior caída.

Ademais, a cifra de negocios caeu por quinto mes consecutivo, mentres que as entradas de pedidos retrocederon por sétimo mes. Esta forte redución foi resultado das caídas do 14,3% nos bens de consumo duradeiro, do 36,1% nos bens de equipo, do 37,1% nos bens intermedios e do 39,5% na enerxía.

A vivenda baixa menos que no Estado
O prezo medio da vivenda libre caeu un 6% no primeiro trimestre de 2009 con respecto ao mesmo período do ano anterior. Así o reflicten os datos do Ministerio de Vivenda, que sitúan o prezo medio estatal en 1.958 euros por metro cadrado. Con todo, o descenso galego é menor que o rexistrado no Estado Español, onde a baixada foi do 6,8%.

Continuando cos datos estatis, a caída foi similar nos pisos e casas de segunda man, do 6,9% interanual e do 2,5% intertrimestral, cun prezo medio de 1.956 euros. Mentres, a cotización media da vivenda protexida é de 1.112 euros. Con respecto ao trimestre anterior prodúcese unha diminución do -1,7%, aínda que se incrementa un 1,1% con respecto ao primeiro trimestre de 2008.


Ligazóns

3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: