Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
CICLISMO

David García estrea o palmarés do Xacobeo no 2009

O ciclista de Marín vence na segunda etapa da Volta a Turquía, disputada sobre un percorrido de 132,5 quilómetros.

Redacción - 17:00 13/04/2009
David García, lanzando un ataque durante a volta turca

David García, lanzando un ataque durante a volta turca

Despois de que unha avaría mecánica o deixara sen a vitoria na primeira etapa da carreira turca, David García conseguiu redimirse na segunda tirada de 132,5 quilómetros disputada entre as localidades de Izmir e Kusadasi.

Malia que todo apuntaba a que a segunda etapa se ía decidir nun final apertado entre os homes máis rápidos, David García transformou en enerxía cinética a inmensa frustración que supuxo a avaría do primeiro día e arrincou sen que ninguén puidera seguilo. Foi a tres quilómetros da meta, e este impulso serviulle para chegar en primeiro lugar, seguido a tres segundos de Andre Schulze e Sebastian Siedler.

A vitoria eleva a García até o segundo lugar da clasificación, precedido só polo italiano Mauro Finetto, que o avantaxa en oito segundos. Agora o ciclista do Xacobeo está máis cerca de poder defender a vitoria final acadada o ano pasado na carreira turca e, malia que el dixo non chegar en tan boa forma como daquela, o certo é que está ofrecendo un alto rendemento.

A escasa diferenza entre os ciclistas fai que tomen especial importancia no futuro da carreira dous factores como o vento e as bonificacións de tempo. O vento xa determinou unha fractura na primeira etapa, restrinxindo a vitoria final aos integrantes do grupo que chegou en cabeza. As bonificacións ofrecidas por gañar etapas ou cruzar en primeira posición puntos intermedios poden volverse determinantes co apertada que está a xeral neste momento.

As etapas de venres e domingo preséntanse como as que, en principio, poden decidir a clasificación final da carreira. O venres correrán unha etapa de 194 quilómetros con varios portos de diferente entidade na que a fatiga pode xogar un papel determinante. No domingo remata a volta cun final en alto despois dunha curta ascensión que pode marcar diferencias polo alto desnivel da súa estrada.


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: