Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Entrevista a XOSÉ MANUEL BALTAR

"Quen non está en internet, non existe"

O vicepresidente do Parlamento afirmou que o incidente acontecido na Galipedia, cando un usuario suplantou o seu nome, é "un dos riscos" da internet.

M. del Río - 18:00 07/04/2009

Despois da polémica guerra de edicións que se produciu este luns na Galipedia protagonizada por un usuario chamado Jose Manuel Baltar, o auténtico Baltar Blanco confirmou que non se trataba da súa persoa e dixo que a suplantación é un dos riscos da internet. Aproveitamos para falar con el dos seus catro anos de andaina na rede.

Vieiros: Que nos pode dicir do acontecido na Galipedia?

Xosé Manuel Baltar: Penso que é bastante sinxelo suplantar personalidades en internet. É un dos riscos que existen. Sucédeme na miña páxina web. Pode escribir calquera cun nome falso. Penso que habería que corrixir iso, porque pode haber persoas que se dediquen a torpedear datos na Galipedia ou colocar citas erróneas, que poden inducir a confusión e a desprestixiala.

Cre que na Galipedia se están a tomar as medidas de control necesarias?

O feito de que se producise aquel problema indica que non está todo estritamente disposto. Non se esixe unha identificación dos usuarios, e o anonimato dá barra libre para calquera tipo de comentario, porque o que comenta con mala intención sabe que é difícil que se chegue a identificar. Por outra banda, pola experiencia na miña páxina, tamén sei que máis control tamén reduce a viveza da web. A ninguén lle gusta criticar cando se coñece quen é en realidade.

Como valora a súa experiencia como político con blog?

Eu penso que a web é un instrumento de comunicación política fundamental. O meu espazo web vai cumprir catro anos. Cando comecei, víase con certo receo ou mesmo como un xesto de esnobismo, pero agora a xente xa sabe que é un xeito que poder interactuar. Tomei o testemuño pouco tempo despois de [Xosé Manuel] Lage, que foi o primeiro político galego con blog, así que fun o primeiro do PPdeG en telo. Catro anos despois, levo máis de 350 mil visitas.

Quixen facer unha páxina que, sen renunciar a tratar temas políticos, ten tamén parte persoal, como un xeito de coñecer os políticos máis polo miúdo, non só para facer un seguimento, senón tamén para actualizar frecuentemente, que é algo básico na rede. A atracción que se esperta no navegante decae cando o titular non se esforza por actualizar e innovar. Por iso, fago redeseños cada seis ou sete meses, e engado novas funcionalidades, como enquisas, material audiovisual, axenda, enlaces, o tempo, Ourense, fotografías...

Estou xa preto de tres mil usuarios identificados e procuro atender as súas consultas e inquedanzas. Recibo e contesto uns 30 a 40 correos diarios. Teño un apartado, Ti opinas, onde a xente pode pedir un pronunciamento sobre calquera tema. Paréceme un asunto de importancia, e penso que sería obrigatorio para calquera persoa que estea en política. No seu momento pensei que tería máis usuarios políticos, pero non foi así. Agora isto vese suplido por experiencias en redes sociais como Facebook, pero avogo por un espazo máis persoal, que non se limite á miña vertente política, que é algo temporal. Mantela precisa de tempo, cartos, preocupacións... pero o resultado final é positivo.

Cre que todos os políticos deberían ter blog?

Penso que debería ser obrigatorio. Así como nos comunicamos verbal e telefonicamente, non entendo a política sen a utilización das novas tecnoloxías. Desgraciadamente, temos experiencias de webs que se actualizan en campaña electoral que despois quedan en nada. Seguen a moda pero non son conscientes do inmenso poder da comunicación por internet. Deberíaselles exixir aos representantes públicos que dean conta das súas accións na rede. Sei que custa tempo, porque eu non teño xente que me faga a xestión. Son eu só o que tiven a idea, puxen en marcha o blog e achego os contidos, porque non quero que a xente se queira poñer en contacto cun político e se atope con que é outra persoa a que lle contesta, o que é algo semellante ao que aconteceu na Galipedia.

E cales poden ser os motivos desta fobia da clase política polas novas tecnoloxías?

Na pasada lexislatura fomos quen de dotar os deputados de equipamento informático e de poñer en marcha unha experiencia de que cada deputado tivese o seu espazo persoal dentro da web do Parlamento. Mais a repercusión foi mínima. Non sei se foi por medo ás críticas. Penso que temos que estar dispostos a escoitar as críticas e darnos conta do que realmente pensa a xente. Tampouco sei se foi por falta de tempo, de costume... É máis cómodo non ter web, porque non tes que estar pendente dela. Pero eu prefiro sempre o risco de ter un blog, que che garante estar onde hai que estar hoxe en día. Quen non está en internet, non existe. Nesta última campaña electoral (e aínda máis na dos Estados Unidos) a importancia da presenza na rede.


3,63/5 (16 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: