Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
AVOGAN POLO 'CHEQUE-LIBRO'

Os editores pídenlle ao novo goberno que mude o sistema de préstamo dos libros de texto

Denuncian que co modelo actual as librarías deixan de ingresar 18 millóns de euros cada ano e que entre 2003 e 2005 pecharon 41 destes locais.

M.S.P. - 10:00 04/04/2009

Editores e libreiros levan tempo reclamando o cambio do sistema de empréstitos, "moi lesivo para os intereses e a propia supervivencia do sector editorial galego", para mudalo por outro que se basease nas axudas directas ás familias para a compra do material escolar. O sector argumenta que nas comunidades autónomas que optaron polos segundo sistema (Asturias, Madrid ou Cantabria), o custe por alumno para a administración foi de 107,5 euros, apenas un dez por cento máis cá media do sistema de gratuidade mediante préstamo (98,1 euros).

O sector denuncia que a pesar das boas palabras do PSdeG-PSOE e o BNG e do compromiso adquirido no 2007 polo propio Presidente da Xunta coa directiva da Asociación de Editores de estudar alternativas ao modelo de préstamo, "non se avanzou practicamente nada neste sentido". Segundo a AGE, as únicas accións que se fixeron na dirección axeitada foron as de introducir determinados "parches" no seu modelo que intentaran contentar a algúns dos sectores máis afectados (o máis salientábel, o cheque-libro que pretende devolver o protagonismo á pequena librería e liberar de traballo aos centros educativos).

No seu programa electoral o PP recolle a promesa de que mudarán "o sistema de préstamo de libros de texto para garantir a gratuidade e titularidade dos mesmos".

O futuro da lingua, tamén en xogo
A edición escolar constitúe unha parte esencial do conxunto da edición en Galiza e en galego. En 2007, ao redor do 62% do total de títulos editados no noso país foron escolares, Porén, obsérvase nos últimos anos unha progresiva perda de peso deste tipo de edición no conxunto da edición galega. Esta perda de peso da edición escolar vai unida a una progresiva perda do idioma galego. Nos últimos anos obsérvase unha progresiva perda do peso da edición en galego, pois a facturación global en lingua galega que representaba en anos anteriores o 80% do total publicado polas editoriais do país, agora sitúase nun 70% cun aumento significativo das edicións en castelán.

Case un 80% das librarías galegas dependen do libro de texto para complementar os seus negocios. E antes da implantación do sistema o 50,2% da facturación total das librarías procedía do libro de texto. Os profesionais do sector estiman que coa gratuidade plenamente implantada as librarías deixan de ingresar uns 18 millóns de euros anuais, unha circunstancia que podería levar ao peche de máis da metade destes locais. De feito, entre o ano 2003 e o 2005 pecharon as súas portas en Galiza 41 librarías.

Ademais, as peculiaridades do mercado editorial da nosa lingua, moi dependente do libro de texto pero cun número reducido de alumnos, unido ao feito de que o galego sexa escasamente utilizado na educación obrigatoria, fano moi sensíbel a medidas como o sistema de préstamo. Segundo datos publicados polo Consello da Cultura, o 20% dos centros galegos non imparten ningunha materia en galego agás 'galego' e 'coñecemento do medio', renunciando a impartir a terceira materia obrigatoria en lingua galega (a optativa de elección en cada centro) e incumprindo polo tanto a normativa vixente.

A AGE denuncia que a castelanización do ensino galego estase a agudizar nos últimos anos, tras a implantación do sistema de gratuidade. Na actualidade só a metade dos colexios de secundaria imparten en galego as materias que deberían por lei. Mentres que no ano 2000 ao redor do 85% das aulas de 2º de ESO impartían 'Ciencias Sociais' e 'Ciencias da Natureza' en galego, no 2006 a porcentaxe ficaba por debaixo do cincuenta por cento.


3,2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: