Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
ALERTA CONTRA OS PLANS DE NÚÑEZ FEIJOO

Nova Escola denuncia que a separación dos nenos por lingua "conducirá á formación de guetos"

Na súa asemblea anual o colectivo insistiu na necesidade de potenciar o galego no ensino para asegurar o coñecemento dos dous idiomas.

M.S.P. - 19:50 01/04/2009

"O único idioma que corre perigo en Galiza e nas súas aulas é o galego". Nova Escola Galega é tallante e denuncia, baseándose nos recentes datos publicados no Mapa Sociolingüístico (MSG) e noutros estudos, que "a situación do galego é crítica, pois apenas o 38% da poboación declara usalo dun xeito habitual. Isto quere dicir que, na práctica e sobre todo en ambientes urbanos, hoxe por hoxe é posíbel vivir en Galiza sen ter contacto ningún co galego na vida ordinaria. Quere dicir tamén que as persoas que desenvolven as súas actividades nesta situación corren grave risco de non chegar a acadar o limiar mínimo no dominio do idioma galego ou, doutra maneira, de non chegar a ser bilingües".

Esta situación demostra, a xuízo de NEG, que a política lingüística ("ou a súa ausencia", din) levada a cabo polo goberno da Xunta durante practicamente tres décadas, non só non obtivo resultados positivos no camiño da normalización, senón que acelerou o proceso de substitución. Aínda que recoñece no Mapa Sociolingüístico elaborado pola RAG "diferenzas metodolóxicas a respecto dos seus antecedentes, o que pode inducir unha certa desviación nunha análise comparativa", NEG interpreta nos datos "a constatación dunha realidade: a substitución do galego polo castelán".

Mantemento do Decreto do Ensino
Os debates que os socios de NEG mantiveron o sábado na súa asemblea anual incidiron especialmente na situación do galego no ensino. Tomando de novo os datos do MSG denunciaron que apenas o 17% das clases de Primaria e o 30% das de Secundaria son dispensadas 'practicamente en galego' ou 'máis en galego', desmentindo os argumentos daqueles que veñen denunciando a "desaparición" do castelán no ensino. Así mesmo, en ningún dos niveis de educación infantil ou primaria se chega ao 50% de utilización oral do galego, mesmo sumando o uso 'só de galego' e o de 'nas dúas linguas'. En consecuencia, Nova Escola Galega demanda o mantemento do decreto do ensino, que estabelece un mínimo do 50% das horas lectivas en galego.

No seu momento, NEG criticou o Decreto do ensino por insuficiente; no entanto, defendeu a súa posta en práctica polo que significaba de mellora sobre a situación precedente. NEG denuncia a "ausencia total de medidas para a súa aplicación por parte da Consellería de Educación" e critica a aparición "dun sector anti-normalizador e anti-galego argumentando imposición e necesidade de protección do castelán, con razoamentos falsos e tendenciosos que nunca foron respondidos contundentemente polas forzas do goberno".

A este respecto, considera que a libre elección da lingua de ensino, é dicir, a separación dos rapaces nos colexios en función da lingua escollida polos seus pais, é "socioloxicamente inapropiada, pedagoxicamente insostíbel, legalmente discutíbel e economicamente irrealizábel". E denuncia que, de levarse a cabo, como pretende Núñez Feijoo "conducirá necesariamente á segregación, a formación de guetos e, finalmente, a dúas sociedades diferenciadas dentro do mesmo pobo".

A proposta de NEG: Escola en galego para a completa normalización
En palabras de Xosé Lastra, "máis ca nunca" Nova Escola Galega aposta polo modelo de normalización lingüística para o sistema educativo galego que xa propuxera en 1988 e que renovou dez anos máis tarde. Este modelo aposta pola escolarización en galego, con aumentos progresivos da proporción de horas lectivas na nosa lingua dende a educación infantil, para acadar o ensino monolingüe aos 12 anos. Esta utilización do galego como lingua vehicular estaría complementada polo estudo sistemático do castelán, “que xoga un importante papel como lingua de relación”.

NEG aposta por potenciar a lingua minorizada para asegurar un dos obxectivos do ensino en Galiza, que é que os rapaces acaden unha competencia plena nas dúas linguas oficiais. Chaman a atención sobre o feito de que na actualidade o bilingüísmo só é posíbel para as persoas galegofalantes, que en todos os casos acadan, na escola ou fóra dela, un dominio absoluto do castelán. Porén, os rapaces castelanfalantes ou que crecen en entornos nos que o castelán é a lingua máis habitual, non teñen garantida a aprendizaxe do galego, pois poden vivir perfectamente, máis alá do ámbito escolar, sen usaren nunca o galego.


4,69/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: