Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Pilar Rojo, nova presidenta do Parlamento

"Espero ver grandes xestos de consenso entre os partidos nesta lexislatura"

"O Parlamento é a representación máis lexítima do pobo e hai que afondar nisto: a cidadanía debe velo como algo máis próximo", afirma Rojo para Vieiros.

R. N. - 09:00 31/03/2009
Pilar Rojo, nova presidenta do Parlamento

Pilar Rojo, nova presidenta do Parlamento

Á porta de acceder ao cargo terá vostede un balance claro do desempeño da súa antecesora. Cousas a aproveitar, cousas a corrixir?
É o momento de aparcar as críticas e lembrar o mellor desa lexislatura pasada. Os erros da anterior presidenta foron subliñados polo noso grupo parlamentario ao longo deste tempo. Neste intre, eu escollo quedarme co balance en positivo e aí destacaría o papel que xogou Dolores Villarino en abrirlle a porta ás mulleres. Hai que valorar a importancia de que por primeira vez en 2005 unha muller accedese a este cargo institucional e que pilotase con firmeza a institución. É un labor que todos lle agradecemos.

Cada quen ten o seu estilo e eu, pola miña banda, afronto este desafío como non podía ser doutro xeito coa vontade de facelo moi ben e traballar todo o posíbel en favor dos cidadáns a través do máximo órgano representativo do pobo.

Que se pode facer para aumentar a proxección social da Cámara e do traballo dos parlamentarios?
Todo o que sexa abrir a institución e acercala aos cidadáns será positivo. É certo que se cadra os deputados queixámonos a miúdo de que o noso traballo é pouco coñecido, pero é o noso labor facer todo o posíbel para que iso vaia mudando. Por exemplo, no caso do PPdeG, fixemos un esforzo cando puxemos en marcha o que chamamos oficinas parlamentarias locais. O obxectivo era precisamente ese: acercarnos aos cidadáns. E o resultado foi dobremente positivo. Non só serviron para recoller a opinión da cidadanía dun xeito máis áxil, senón tamén para achegar máis polo miúdo o traballo parlamentario a pé de rúa. O Parlamento é a representación máis lexítima do pobo e hai que afondar nisto: a cidadanía debe velo como algo máis próximo.

Será posíbel desta volta a reforma do regulamento do Parlamento? É optimista ao respecto desta demanda?
Eu penso que desta volta si será posíbel. Os partidos deben poñer en xogo toda a capacidade de diálogo, é o seu deber, e intentaremos que esta sexa a lexislatura na que se consiga o acordo. É unha reclamación urxente e é unha mágoa que estea aínda pendente. Por iso, a reforma do regulamento do Parlamento pode e debe ser un dos grandes xestos de consenso que vexamos na Cámara a curto prazo. E agardo que sexan máis.

Xa que logo, algunha clave a priorizar, no marco desa reforma, para mellorar o funcionamento do Parlamento?
O PP levou na súa campaña a proposta de levar adiante esa reforma dese regulamento. Da nosa experiencia parlamentaria coñecemos ben as virtudes e defectos do funcionamento da institución. Por iso, toda mellora entra dentro das nosas prioridades. Penso que non debe ser complicado acordamos a axilización dos procedementos, corrixir procesos que son excesivamente longos, axustar temas, debates e funcionamento a outra dinámica máis real e máis capaz de responder con máis axilidade ás demandas e necesidades dos cidadáns.


1,5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: