Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Confírmao o informe do Consello de Europa

Aínda falta "protección xurídica" para a fala no Val das Ellas

Segundo a Fundación Via Galego, é preciso que o Estado e os poderes públicos amparen e promovan o galego nesta zona de Estremadura.

Redacción - 13:15 30/03/2009
O Val de Xálima ou Val do Río Ellas, na Galipedia (clique para ampliar)

O Val de Xálima ou Val do Río Ellas, na Galipedia (clique para ampliar)

Contrasta co abandono que, se constatou, está a sufrir a nosa lingua en Galiza, sobre todo por parte dos máis novos, coa forza que ten no Val do Río Ellas (Estremadura). O galego que se emprega nesta zona, chamado fala, emprégao a maior parte da poboación menor de 16 anos, residente nos tres concellos do Val.

Así o demostra unha investigación do Observatorio de Sociolingüística da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, no que participaron os profesores Fernando Ramallo e Anxo Lorenzo, e a profesora Ana Iglesias. A investigación elaborouse cunha subvención do Ministerio de Educación para o período 2007-2009, e púxose en marcha en común coa Universidade Autónoma de Barcelona (UAB) e a Universitat Oberta de Catalunya (UOC). O obxectivo era facer unha análise da situación dos enclaves lingüísticos, entendidos como "zonas onde se fala unha lingua, pero que están fóra do territorio natural dese idioma".

Reclaman "protección xurídica" para o galego exterior
Porén, aínda que viva, a nosa lingua precisa, segundo a Fundación Via Galego, dunha protección xurídica. Aínda que a fala foi declarada Ben de Interese Cultural (BIC) pola Xunta de Estremadura en 2001, "segue sen haber posibilidade de estudala nas escolas, aínda que exista un lectorado de galego na Universidade de Estremadura", sinalou a finais da pasada semana o presidente da Fundación, Carlos Callón, nun acto no que presentaba un concerto que o grupo Mamá Cabra había dar este sábado no Val.

Para Callón, son o Estado e os poderes públicos -tamén a Xunta- os que deben "amparar e promover o galego nesta zona", tal e como sinalaba "no seu último informe o Consello de Europa". O presidente d'A Mesa, entidade que auspiciou a creación da Fundación Via Galego, tamén quixo lembrar que o Estatuto de Autonomía e a Lei de Normalización Lingüística sinalan a "obriga de promover o galego tamén fóra do territorio administrativo de Galiza, non só entre comunidades emigrantes asentadas en diferentes partes do mundo, senón tamén nestas comarcas nas que se fala galego dende que o galego existe".

Dende a Fundación tamén sinalaron que o feito de que estas zonas -referíndose ao Val do Río Ellas, mais tamén ao galego da Faixa Eo-Navia e ao que se fala en Castela e León-, estean administrativamente fóra de Galiza, non debe ser "óbice para que non se poida empregar a lingua con normalidade", xa que esta é, segundo contan, "a realidade histórica e das súas rúas". Alén disto, dende Via Galego tamén lle quixeron lembrar ao futuro presidente do Goberno Galego, Alberte Núñez Feijoo, que debe cumprir o "mandato estatutario de promover a lingua galega".


4.64/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: