Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
UNHA XUÍZA PROGRESISTA AMEAZA CON DIMITIR

Crise no Constitucional polo debate sobre o Estatuto de Cataluña

Elisa Pérez Vera critica que os seus textos sexan cambiados para endurecer a sentencia, grazas ao apoio dun maxistrado progresista ás teses conservadoras.

Redacción - 11:00 28/03/2009

Segundo publica este sábado La Vanguardia, a maxistrada ponente da sentenza do Tribunal Constitucional (TC) sobre o Estatut, Elisa Pérez Vera, fixo un amago de dimitir desa responsabilidade. A xuíza manifestoulles ao resto dos maxistrados que a evolución das deliberacións estaba desnaturalizando e cambiando o sentido do seu relatorio, e por ese motivo estaba disposta a pasar a responsabilidade de redactar as propostas de resolución a outro membro da institución. A orixe do conflito está nas dificultades para achar fórmulas de consenso.

Pérez Vera esforzouse en atopar saídas para unha resolución interpretativa que evite declarar inconstitucionais os preceptos máis controvertidos, o que implicaría a súa anulación. A grandes liñas, o debate da sentenza parecía ir ben orientado nese sentido. Pero nos últimos meses o debate volveu complicarse. O consenso afastouse outra vez e xa se fala de xullo como data para a sentenza. O problema manifestouse ao comprobarse que un maxistrado da área progresista suscita cada vez máis obstáculos á resolución interpretativa dos temas clave. Deste xeito, algúns dos puntos máis conflitivos da sentenza poderían decantarse contra o Estatut por 6 votos a 4.

A estratexia da presidenta, María Emilia Casas consistira até agora en acadar como mínimo esa mesma correlación de forzas, pero a favor do Estatut e contando co voto do vicepresidente, Guillermo Jiménez, o maxistrado máis moderado do grupo conservador. Pero se un maxistrado do grupo progresista endurece a súa posición e coincide cos conservadores, o voto do vicepresidente a favor dunha sentenza interpretativa é máis difícil de obter.


2.75/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: