Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DENUNCIA DE AMNISTÍA INTERNACIONAL

China suma máis execucións que todos os países do mundo xuntos

Un informe sobre a pena de morte revela que o ano pasado foron executadas 2.390 persoas, case o dobre do ano anterior.

Redacción - 13:15 24/03/2009

Lonxe de desaparecer, as condenas a morte aumentaron no pasado ano en máis dun 90%, situando a cifra de persoas executadas en 2.390 en todo o mundo. Son as estatísticas do informe "Condenas a morte e execucións en 2008" de Amnistía Internacional (AI), que revelan datos moi preocupantes, como o incremento da pena capital en China, responsábel do 72% de todos os asasinatos gobernamentais.

Decapitacións, electrocucións, aforcamentos, administración de inxeccións letais, fusilamentos ou lapidacións foron os xeitos máis comúns de poñer fin ás vidas destas persoas. A pena capital aplicouse polo menos en 25 países do mundo e outras 8.864 persoas foron condenadas a morte en 52 Estados. Moitas destas condenas, segundo AI, foron ditadas en xuízos inxustos en países como Afganistán, Arabia Saudí, Irán, Iraq, Nixeria, Sudán e Iemen.

China, triste liderado
A maioría das execucións tiveron lugar en Asía, onde 11 países continúan utilizando a pena capital (Afganistán, Bangladesh, China, Corea do Norte, Indonesia, Xapón, Malaisia, Mongolia, Paquistán, Singapur e Vietnam). Con todo, o liderado correspóndelle ao goberno chinés, que foi o responsábel do 71,8% das execucións do mundo, xa que levou a cabo polo menos 1.718. Malia todo, crese que a cifra é aínda máis alta, xa que os datos relativos ás condenas de morte son segredo de Estado.

A segunda zona onde se levaron a cabo máis execucións foi Oriente Próximo e Medio e Norte de África, con 508. Xa en América, Estados Unidos é o único país que practica de maneira constante. En 2008, rexistráronse 37, principalmente en Texas, onde se realizaron máis que en ningún outro estado.

No caso de Europa, a pena de morte segue vixente unicamente en Bielorrusia. Neste país, os asasinatos gobernamentais lévanse a cabo mediante un tiro na caluga e non se informa á familia da vítima nin da data nin do lugar de enterramento do cadáver. No ano pasado, practicáronse catro execucións deste tipo. Finalmente, na África subsahariana rexistráronse outras dúas, se ben foron condenadas a morte polo menos 362 persoas.


Ligazóns

4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: