Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Proxecto "das maiorías"

"Non faremos nada que non estea aquí", di Feijoo na presentación do programa

O líder do PP asegura que o seu partido achega "solucións" e "visión integral" dos problemas fronte ás propostas dos seus rivais.

Redacción - 09:00 11/02/2009

"Buscaremos solucións sempre desde o máis escrupuloso respecto ás liberdades das persoas na acción dos poderes públicos", indicou Alberto Núñez Feijoo no acto político do seu partido en Santiago de Compostela onde o PPdeG presentou o programa para a campaña do 1M. Salientou Núñez Feijoo que se trata dun proxecto que parte dunha visión "integral" dos problemas do país e asegurou que receita "coherencia" fronte ás iniciativas tinguidas de "oportunismo" que acusou de evidenciaren socialistas e nacionalistas.

Explicou o líder do PP en Galiza que se trata dun programa "das maiorías para todos" que permitirá que o seu partido traballe por unha Galiza "próspera, innovadora e sostíbel", afastándose de medidas "curtopracistas" das que acusou os rivais. "Hai que mobilizar todos os recursos públicos e privados para loitar contra a crise", afirmou, salientando a aposta do PP por "impulsar reformas que modernicen as empresas". De paso, destacou o proxecto de ordenación do territorio dos populares que, indicou, fará "realidade" o concepto de Galiza como "cidade única". A "austeridade" na administración foi outra das promesas realizadas.

"Este é o resultado dun traballo serio e colectivo", afirmou cualificando o documento como "un dos mellores programas presentados nunca a unhas eleccións autonómicas". Segundo Feijoo, con esa iniciativa lograrán "sacar Galiza dunha crise inxusta para a cidadanía". "Non faremos nada que non estea aquí", asegurou, contrapoñendo o programa popular cos que definiu de "dous proxectos distintos" de socialistas e nacionalistas que poderían verse modificados por un pacto.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: