Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
EMILIO PÉREZ TOURIÑO EN ARXENTINA

"Aspiro e espero que os emigrantes participen nas eleccións do 1M"

A colaboradora de Vieiros en Bos Aires, a xornalista Débora Campos, entrevistou esta fin de semana ao candidato socialista á presidencia da Xunta.

Debora Campos - 11:00 10/02/2009
Tags: Touriño

"Quero que Galicia sexa agora un país de acollida, que non rexeite a ninguén, e sexa garantía do dereito de retorno dos emigrantes", asegurou o presidente da Xunta de Galicia e secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, que participou o sábado dun acto na cidade de Bos Aires ao que asistiron preto de sete mil persoas. Ademáis, prometeu que a cobertura da TVG chegará a 3 millóns de fogares bonarenses e a ampliará a súa programación.

Horas antes deste acto, o presidente galego opinou: "Hai unha comunidade galega moi importante en todo o mundo, esa Galicia que forma parte tamén do país ao longo da nosa historia e que eu aspiro a que siga formando parte e participando activamente. En particular aqui na Arxentina, os 120 mil galegos e galegas que teñen dereito a voto, que están no CERA, e que participaron de maneira importante xa nos últimos comicios, tanto autonómicos como xerais. "Eu aspiro e espero que volvan participar agora o 1 de marzo". Logo, respondeu un feixe de preguntas.


-Leva vostede catro anos na presidencia da Xunta de Galicia. ¿De qué accións de goberno se sinte mais conforme e en que temas ainda hai que traballar nos próximos anos?

-Penso que nestes catro anos conseguimos restablecer a confianza do país en si mesmo sobre a base de exercer a gobernacion nun clima de dialogo, co sentido da transparencia, e na renovación e revitalización do Parlamento. En definitiva, facendo politica de forma diferente. E a partir de alí, estes catro anos permitiron, primeiro, que a nosa economía crecera, máis rápido que a de España e a de Europa; que se creasen moitos postos de traballo -maioritariamente traballo ocupado por mulleres que antes non tiñan posibilidade de acceder ao mercado laboral con ese rítmo e con esa intensidade-. Ademais, protexemos o territorio, coidamos o medio ambiente, fixemos da ordenación do territorio, da preservación da costa, protección da ría, da protección da rede Natura un emblema dun país que quere crecer mais pero tamén crecer mellor. E por último o mais importante, fomos quen de fortalecer o país en termos dos grandes servizos públicos básicos, que son dereitos dos cidadans: a sanidade, os servicios sociales, a aplicación da lei da dependencia, a educación.. en definitiva, a aposta pola cidadanía e pola igualdade en Galicia. En relación coa emigración, non quería deixar de mencionar, que o cambio vai na mesma dirección: quixemos implementar un novo xeito de relacionarnos coa emigración baseado nos dereitos e non nos favores. Plasmouse en medidas como a creación da primeira delegación institucional da Xunta de Galicia fóra da terra que está aquí en Bos Aires, un instrumento útil a todos os cidadáns de calquera partido ou que non voten por ningún partido, en definitiva ao servizo da colectividade, como a teñen os cidadáns de Galicia, da Coruña, de Vigo, de Pontevedra, agora tamén está en Bos Aires. É das cousas que me sinto máis orgulloso, recuperamos o hospital que funciona no Centro Galego de Bos Aires no que investimos 12 millóns de euros para prestacións sanitarias.


-Quen é responsable de que tantos medios de comunicación galegos e tamén algúns sectores da sociedade rexeiten e cuestionen neste momento o dereito da diáspora a participar nas eleccións?

-A min, a verdade é que me doe moito, como presidente, como cidadán e como demócrata, logo como secretario xeral do PSdeG, ver que permanentemente se cuestiona á emigración e os seus dereitos. Fálase da emigración coma se fose unha mercancía electoral, coma se puidesen ser utilizados, ou coma se fosen menores de idade. Eu creo que hai un descoñecemento profundo da realidade da emigración. O que Galicia ten aquí é unha das grandes fortalezas que ten como país: esta comunidade de miles de galegas e galegos que desenvolveron un traballo dignamente no seu recorrido vital no exterior. Por iso, non entendo que esteamos sometendo permanentemente a debate o seu dereito a participar da vida política ou o seu dereito a votar. En democracia os dereitos son para protexer, os dereitos son para exercer, e o dereito a voto é un importante dereito democrático. A nosa xente na emigración ten dereito a votar, polo tanto debe poder votar se así o quere e decide. E andar poñendo atrancos, andar poñendo limitacións, estar permanentemente cuestionando ese dereito creo que é propio de xente con medo, medo que algúns lle teñen a ese voto democrático e a esa participación cidadá. Se alguén quere que os emigrantes deixen de votar que dea a cara e que o propoña no parlamento.

-É posible que alguén faga iso co enorme custe político que ten?

-Témome que non, claro. Pero o que non pode ser é que esteamos permanentemente cuestionando ese dereito, algo que debería estar por fóra da loita partidaria. Eu o que pido e ao que me comprometo é a non convertir isto nun tema de debate entre partidos, porque hai un dereito e debe respetarse, protexerse e ampararse. E a partir de alí, a cousa non consiste en que se vote ou non se vote, a cousa consiste en que se vote con todas as garantías e sobre todo que sexamos quen de poñer propostas, ideas, que quere cada un e que está disposto a facer pola colectividade, pola emigración e por Galicia.


-A fío de isto: primeiro, cando pensa vostede que os galegos e as galegas do exterior poderán votar en urna e segundo, cal é o sentido da Lei de Galeguidade que anunciou onte en Uruguai?

-A reforma do Estatuto e a incorporación dun artigo sobre a emigración está pensado en función dos dereitos da diáspora e que non estean bailando según goberne uns ou outros. E esta é unha das cousas pendentes por facer para salvagardar ese dereitos: unha Lei de Galeguidade que recolla con carácter de lei e por tanto para sempre os dereitos dos galegos na emigración, os dereitos políticos, sociais e culturais e que isto non dependa de quen estea no Goberno.


-Fala vostede de facer unha revisión integral destes dereitos ou de darlle estatuto de lei aos que xa existen?

-Trátase de fortalecer e ampliar e de consolidar os dereitos que teñen os galegos na emigración. E que queden consagrados na lei, reforzados para que ninguén os poida cuestionar, reinterpretar ou minusvalorar. En relación co Estatuto mesmo, o Estatuto de Autonomía actual non ten en conta á emigración. Creo que hoxe é necesario un Estatuto de Autonomía novo, que dende logo ten que xurdir do acordo de todos, e que dedique os artigos que sexan necesarios a recoñecer e pór en valor o papel decisivo que historicamente tivo a emigración na conformación da nosa identidade, na nosa forma de ser. E para recoñecer e deixar reflectido o papel que queremos que siga tendo a emigración contribuíndo ao desenvolvemento e ao futuro da nosa comunidade ao longo do tempo e ao longo da historia. Creo que é importante que a nosa carta magna, para entendernos, recolla e reflicta a emigración, recoñeza o seu traballo e que proxecte o futuro.


-Dixo nesta cidade o candidato do PP, Alberto Nuñez Feijoo, que se é el o próximo presidente da Xunta vai pechar a Delegación Exterior en Bos Aires porque é un enorme gasto de cartos sen sentido habendo as institucións que hai na colectividade. ¿Cal é a súa análise sobre o rol que a Delegación vén cumprindo e en que pensa vostede que mellorou a vida dos galegos e das galegas da cidade de Bos Aires?


-Eu non sei por que non o din con claridade: para o Partido Popular e para este señor, que bastante lio está causando no interior do seu propio partido que xa é unha especie de barco á deriva, a verdade é que creen que a relación de Galicia coa emigración ten que seguir sendo a través do caciqueo, a través da intermediación, a través da rede partidaria, e non terminan de entender que os tempos cambiaron e que o mesmo dereito que ten un cidadán nacido na Coruña e que vive na Coruña, ou en Vigo, ou en Pontevedra, a ter unha oficina da Xunta de Galicia próxima na que poder xestionar, facer consultas ou trámites, tamén os cidadáns que viven en Bos Aires teñen cando menos dereito, cando menos merecen, que podamos abrir aquí unha sede, unha delegación, con funcionarios públicos, ao servizo de todos os cidadáns (os que votan ao PP, os que votan ao BNG e os que votan ao Psoe ou os que non votan a ninguén con todo dereito). Ese é un sentido de equidade, un sentido de transparencia. E ao contrario, o que quere facer Feijoo é perpetuar o sistema caciquil, os intermediarios e as redes partidarias. E iso debe formar parte da historia da nosa comunidade, do pasado. Xa está superado.


2,38/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: