Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Defende a expedición de pasaportes provisionais

Touriño anuncia unha "Lei de Galeguidade" que reforce os dereitos da emigración

Os socialistas expoñen tamén posta en marcha dun plan de Formación Profesional no que se investirían 700 millóns de euros.

Redacción / Europa Press - Irene Viña - 10:00 07/02/2009

"Para que os seus dereitos non dependan da vontade dun ou outro goberno", afirmou o presidente da Xunta e secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, durante unha visita ao Fogar Español de Montevideo. Así se refería o líder dos socialistas á necesidade de que as políticas sociais que actualmente se estenden aos residentes ausentes "queden definitivamente consolidadas". Foi así como se comprometeu a impulsar unha Lei de Galeguidade que permitirá "consolidar" os dereitos dos emigrantes e dos seus descendentes mediante unha norma "con rango de lei".

Ao respecto do mesmo asunto, asegurou que o novo Estatuto, subliñando que se trata dunha reforma prioritaria para a próxima lexislatura, contará cun capítulo dedicado á emigración e á súa "decisiva contribución" a Galiza. "Deixará sentado o compromiso da Galiza territorial coa Galiza exterior", explicou. De paso, apelou á "participación" e "mobilización" dos galegos da diáspora, coa fin de que "fagan oír a súa voz". "Quero contar con todos, porque a unión fai a forza", dixo, definindo os galegos do exterior de "forza vital e decisiva".

Ao fío, lamentou "que se poñan condicións ao exercicio dun dereito recollido na lei", referíndose á norma que a Xunta Electoral Central (XEC) ditou para obrigar a que os residentes ausentes a achegar unha copia do DI ou o pasaporte co seu voto. E na mesma liña, en resposta aos xornalistas, felicitou que os consulados vaian expedir pasaportes provisionais gratuítos que sirvan aos emigrantes para exercer o seu dereito ao sufraxio. "Todo o que permita, facilite e amplíe dereitos é positivo nunha democracia", comentou Touriño. "Parece que lle teñen medo ao exercicio do dereito a voto dos cidadáns e, particularmente, dos emigrantes", sentenciou.

Plan para a Formación Profesional
Por outro lado, Pérez Touriño tamén anunciou a posta en marcha dun plan de formación profesional dotado con 700 millóns de euros que, ao seu xuízo, "actuará como panca" para a incorporación dos mozos ao mercado de traballo. Nun vídeo difundido na rede, Touriño explicou que esta actuación incrementará "nun 50%" o número de persoas que accedan á formación profesional (FP). Indicou que esta iniciativa permitirá que o 90% das persoas que fagan FP nun período de seis meses, "se atopen en condicións de dar cun posto de traballo" relacionado cos seus estudios e coa demanda do tecido produtivo do país.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: